“Se nos organizamos... podémolos parar! Esa é a mensaxe da central sindical e ese é o traballo que vén facendo toda a súa estrutura desde que anunciou a convocatoria de folga xeral do 29 de marzo. Un traballo centrado en explicar o alcance da reforma e as súas consecuencias e en aglutinar forzas, concienciando ás traballadoras e traballadoras nas empresas, nas rúas e nas múltiples asembleas de delegados e delegadas que xa se foron celebrando por todo o país de que, fronte a mensaxe única que se emite, estas non son as únicas políticas posíbeis, porque non somos as/os responsábeis da crise e si hai alternativas.
Para a CIG esta reforma é un auténtico “golpe de estado”, porque se lle quitan todos os dereitos ás traballadoras e traballadores, ao tempo que se traslada diñeiro público do Estado ás empresas nas bonificacións, nas deducións fiscais e no pagamento das indemnizacións por despedimento do Fogasa, reducindo gastos en Sanidade, ensino, servizos públicos, pensións e prestacións.
A central sindical alerta de que a consecuencia máis inmediata será o empobrecemento da clase traballadora e non activará a economía, porque reducirá o consumo e afectará ao 90% das empresas que viven do consumo interno e non da exportación.
Manifestacións
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, participará na ofrenda floral e na manifestación de Ferrol.