Xoán Xosé Bouzas Aboi, secretario comarcal da CIG-Salnés, explica que a situación é “insostíbel” para as traballadoras, que malia todo manteñen a súa actividade “por responsabilidade” e para garantir a atención dos residentes, a maioría grandes dependentes aos que hai que facerlle todo. “A situación chegou ao punto de que como o xerente non mantén ningunha comunicación co persoal, teñen que ser as propias traballadoras as que repartan as quendas”, sinala.
Bouzas responsabiliza da situación á mala xestión do propietario e a que perdeu unha parte importante de residentes que eran remitidos ao centro pola Xunta de Galiza ao incumprir os requisitos que exixía a administración, nomeadamente obras de mellora das instalacións, que non se realizaron. A residencia ten capacidade para máis de 55 persoas, pero na actualidade apenas quedan 25.
Para tratar de buscar unha solución mantivéronse xuntanzas coa administración e coa Inspección de Traballo e aínda que o xerente de Santo Anxo do Grove se comprometeu a solucionar o problema, as traballadoras seguen sen cobrar as mensualidades adebedadas.
Até hai pouco traballaban no centro 17 persoas das que só quedan 14, porque as outras acabaron marchando por mor da situación económica que padecen. Agora demandan a intervención da administración e que o propietario peche ou venda a residencia para, cando menos, aclarar a súa situación laboral.