Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 8/5/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG convoca unha manifestación o 12 de maio contra a reconversión no sector financeiro

Ás 11:30 horas en A Coruña, dende a Delegación do Goberno até o Banco de España
A Federación de Banca e Aforro da CIG ten convocada unha manifestación nacional de delegados/as do sector financeiro para o vindeiro día 12 de maio na cidade da Coruña, en contra da destrución de emprego por parte das entidades bancarias. A manifestación comezará as 11:30 horas diante da Delegación do Goberno en Galiza e rematará diante do Banco de España. Dende a central denúnciase que as axudas a Bancos e Caixas “non están chegando ao tecido produtivo, pero enchen os petos das altas direccións que continúan cobrando salarios de escándalo”.

A Federación lembra que dende o pasado ano máis de 100 centros de traballo de Entidades financeiras pecharon as súas portas en Galiza. “Bancos e Caixas de Aforros, malia recibir 150.000 millóns de euros de axudas públicas están destruíndo emprego, tanto pola non renovación dos contratos temporais, como a través de despedimentos disciplinarios ficticios”, apuntan.

Dende a CIG-Banca denúnciase que as entidades financeiras están recibindo inxentes axudas públicas para evitar a quebra do sector, debido a mala xestión das cúpulas directivas e a falta de control e supervisión por parte do Estado e do Banco de España. De aí que a mobilización comece diante da Delegación do Goberno e remate diante da institución dirixida por Fernández Ordóñez.

“Salarios de escándalo”

“As axudas a Bancos e Caixas non están chegando ao tecido produtivo, pero enchen os petos das altas direccións que continúan cobrando salarios de escándalo, enchen os petos dos accionistas, e tamén están sendo utilizadas para subvencionar os despedimentos en Bancos e Caixas de Aforros”, critica a Federación.

Fronte ao actual e ineficaz sistema de axudas públicas a Bancos e Caixas, a CIG reclama que, se é preciso achegar fondos públicos para evitar a quebra do sistema financeiro, as Entidades sexan nacionalizadas co fin de constituír unha Banca Pública.

 

cig.prensa@galizacig.com