En torno ás 19 horas, máis de cincuenta empregados decidiron pagar os 2,95 euros en moedas dun céntimo. O resultado foi o de máis de dous quilómetros de retencións en sentido Vigo e algo menos cara a capital do Lérez pola intervención de Tráfico, que abriu as barreiras da peaxe.
Xaquín Agulla, secretario comarcal da CIG-Construción en Pontevedra, en rolda de prensa, sinalaba que «tomamos esta decisión despois de romper onte as negociacións coa empresa. Agora faremos escoitar as nosas protestas doutro xeito».
Novas accións e xuízo
O venres volverán repetir estas accións, a partir das seis e media, para denunciar a actitude da empresa, xa que nun acto de mediación, con presenza da Inspección de Traballo, a propia empresa rebaixou a súa proposta de indemnización por despido improcedente, e como sinalaba Agulla, "facer agora unha folga, cos servizos mínimos abusivos impostos pola Subdelegación do Goberno non resulta efectiva, e queremos que se escoite a nosa voz". Na terceira semana de maio terá lugar o xuízo no que se reclama a readmisión destes doce traballadores, e que se recoñeza a improcedencia deste despedimento.