O xulgado do penal de Ferrol volvía ser o punto de encontro para os afiliados/as e delegados/as da central que se trasladaron ao lugar para amosar o seu apoio e solidariedade co secretario comarcal da CIG, na segunda xornada do xuízo que se sigue contra del. A faixa coas verbas “xulgan sindicalistas, medran escravistas”, volveu recibir a ambas partes ás portas do xulgado. Desta volta tocáballe a quenda ás testemuñas da parte da acusación particular exercida por un grupo de mariscadoras de Mugardos na contra da policía autonómica, por danos e agresións.
Nunha sala ateigada de afiliados/as e delegados/as, as persoas que acudiron a declarar coincidiron en subliñar que a actuación policial levada a cabo na praia da Barca o 18 de setembro de 2001 foi “desproporcionada e excesiva” e lembraron que unha vintena de mulleres sufriron feridas de diversa consideración durante a brutal carga.
Así mesmo, todas as testemuñas negaron ter visto a ningún policía ferido, mentres que aseguraron que a intervención de Pintos se produciu unicamente tras a agresión dun axente a unha mariscadora nos areais e coa intención de evitar que recibira máis golpes. Foi entón, lembraron, cando varios policías asaltaron ao secretario comarcal e comezaron a agredilo.
Testemuñas doutros sindicatos
Durante a vista tamén compareceron representantes de UGT e CCOO na comarca de Ferrol, que acompañaban ás mariscadoras e a Pintos aquel día. Aínda que os tres sindicalistas non baixaron até a praia, corroboraron a versión sostida polas mariscadoras e sinalaron que puideron ver como a policía comezou a golpear aos presentes de súpeto e sen causa. Ademais, engadiron que viron a Pintos tirado no chan onde permaneceu unha media hora sen que os axentes permiten ás mulleres achegarse a el para axudalo a saír da area.
Continuará o día 18 de maio
O proceso continuará o vindeiro luns 18 de maio, cando lle tocará a vez ás testemuñas por parte da policía e da Xunta, como acusación particular, e a continuación procederase a ler as conclusións, co que o xuízo quedará visto para sentenza. O secretario comarcal da CIG de Ferrol destacou a relevancia que vai ter a próxima xornada, xa que se coñecerá a posición e a petición por parte da Fiscalía.
Pintos lembrou unha vez máis que “a policía e o avogado da Xunta pretender por todos os medios demostrar que golpeei a un axente, pero por agora ninguén confirmou ter visto a ningún policía sangrando”.
Así mesmo, o responsábel da CIG-Ferrol, quixo agradecer as mostras de cariño e o apoio amosado polos afiliados e afiliadas e os delegados/as da central na comarca.