Dende o Comité advertiuse que nos últimos meses estanse a rexistrar problemas para facer fronte ao pago da materia prima, o que está a ocasionar que a empresa teña problemas para entregar os pedidos aos seus clientes. Este atraso, explican, levou a que no primeiro trimestre do ano Emesa Trefilería deixara de servir unhas 1.000Tn, “o que supón un grave prexuízo para os intereses da empresa”, tendo en conta que os pedidos consolidados acadan ás 2.500 Tn/mes.
Neste senso, a representación do persoal manifestou o seu temor a respecto de que o Grupo portugués Previdente –que adquiriu a fábrica no ano 2004- estea a levar a Emesa a unha situación límite para logo proceder á deslocalización da mesma en beneficio da planta de trefilería que a compañía ten en Porto.
Isto suporía, alertan, o peche da factoría de Arteixo e a destrución de 71 postos de traballo directos, máis preto dun centenar de empregos indirectos. De feito, na última reunión mantida coa dirección da empresa o día 25 de abril, esta manifestou ao Comité que “se están estudando varias posibilidades que como mínimo levarían a unha reestruturación de persoal, sen descartar medidas máis drásticas”.
Fronte a estas perspectivas, o Comité vén de iniciar unha serie de contactos para solicitar das administracións públicas que intermedien de cara a garantir o mantemento da actividade e os postos de traballo na planta de Arteixo. Así, o pasado venres, o Comité trasladou as súas preocupacións aos representantes do BNG na comarca e este luns o Pleno Municipal da Coruña aprobou dúas mocións de para demandar das administracións competentes (Deputación da Coruña, Xunta de Galiza e Goberno español) actuacións decididas na defensa da continuidade de Emesa Trefilería e os empregos.