Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 8/5/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Os traballadores/as de Einsa inician un calendario de mobilizacións contra os despedimentos e os duros recortes laborais

A empresa pretende facer fronte ás débedas económicas pola vía da redución de persoal e a rebaixa brutal dos salarios
Os traballadores/as de Einsa nas Pontes veñen de iniciar un calendario de mobilizacións en contra dos despedimentos que está a realizar a empresa e os duros recortes laborais e salariais que pretende impor para facer fronte ás súas débedas. O Comité iniciou un peche nas instalacións de Einsa ás 07:00 horas do luns e ao que hoxe se sumaron tamén os traballadores/as. Ademais, tras que a dirección notificara o despedimento de 13 operarios, o persoal acordou parar a actividade dende as tres da tarde deste martes e xa estudan medidas de presión máis contundentes.

Einsa, que conta cunha planta en Andrade (Pontedeume) e outra nas Pontes, xa intentara hai un ano afrontar as súas débedas económicas a través da redución de persoal e das condicións laborais e salariais dos traballadores/as. Entón, tras da negativa da empresa a aceptar ningunha das alternativas do Comité  e executar despedimentos en ambas instalacións, as presións da parte social conseguiron evitar unha nova vaga de despedimentos e mesmo que se iniciase o proceso de negociación dun ERE de suspensión.

Porén, agora as pretensións de cargar o saneamento da empresa sobre os traballadores/as vese facilitado pola regresiva reforma laboral aprobada polo Partido Popular. A este respecto, Alberte Amado, da Sección Sindical da CIG, volveu reiterar que os actuais problemas económicos que sufre Einsa non teñen a ver coa situación de crise, senón que foron causados pola mala xestión e o malgasto da equipa directiva durante os últimos anos. Por iso cualificou as medidas presentadas pola empresa de “ilóxicas e incoherentes”.

Entre outras cuestións, o Grupo Einsa ten intención agora de despedir a 29 traballadores/as por causas obxectivas (alegando perdas da compañía), dos que 13 xa foron comunicados estes martes. Así mesmo, xa comezou tamén a notificar a redución salarial do 7% sobre os soldos fixos e busca a eliminación do plus festivo, o que supón unha perda media de 4.500 euros anuais para o persoal e 5T (este persoal vería reducido o seu salario sobre un 22% de aplicarse estas dúas medidas). A isto hai que engadir a eliminación do plus variábel sobre obxectivos (aplícase en certos colectivos, que suman sobre 80 traballadores/as, o que supón unha redución duns 400.000 euros) e a aplicación do 5% da xornada en flexibilidade.

Fronte a estes gravísimos recortes, sinala Alberte Amado, o Comité volveu propor á dirección un plan alternativo que permitiría o aforro de 1.5 millóns de euros e evitaría os despedimentos. De feito, explica, os traballadores/as mesmo están dispostos a aceptar unha nova conxelación salarial –a terceira consecutiva-, unha redución dos pluses dos días festivos nun 15% e a aplicación dun expediente de regulación de emprego temporal.

“Nós estamos dispostos a facer esta achega se se garante o emprego, pero a viabilidade económica ten que vir dun esforzo por parte da compañía, non dos despedimentos e os recortes salariais”, asevera.

Millonarias axudas públicas

Pola súa banda, a empresa sostén que ten previsto pechar este ano con 2,4 millóns de perdas, polo que ten que adoptar medidas de aforro para cumprir coa banca e así facer fronte ás condicións que supón o pagamento do crédito sindicado de 33 millóns e dos créditos de Xesgalicia (catro millóns) e do Plano Miner (sete millóns), que suman un total de 44 millóns de euros.

En 2011 a compañía tivo que solicitar dous anos máis de cadencia do crédito ao non poder facer fronte ao pagamento. Naquel momento, Xesgalicia aceptou que durante este tempo a empresa só abonara os xuros dos créditos participativos concedidos pola administración ao Grupo no ano 2009. Sobre o papel da administración, o representante da CIG puntualizou que dende o Comité xa se solicitou unha xuntanza co conselleiro de Industria para abordar a situación de Einsa e coñecer as intencións da Xunta a respecto do futuro da empresa, tendo en conta que da traballo a 400 persoas e que entre os anos 1999-2009 recibiu 50 millóns de euros en axudas públicas.

Ademais, o Comité tamén mantivo un encontro coa Corporación municipal das Pontes para solicitar a súa mediación diante da empresa e a Xunta.

cig.prensa@galizacig.com