As mobilizacións, que contan co apoio da CIG e CUT, foron acordadas polas asembleas de traballadores/as de todo o País e os Comités de Empresa para desenvolvérense nas distintas delegacións da Xunta nas catro provincias. As accións preceden á convocatoria de folga nacional o 11 de xuño, xornada na que tamén se desenvolverá unha manifestación en Compostela a partir das 11:00 horas.
En Pontevedra, Lugo e Ourense, os/as traballadores/as concentráronse diante dos edificios provinciais da Consellaría do Medio Rural, mentres que en A Coruña o persoal mantivo un pequeno peche dunha media hora no interior das instalacións administrativas da rúa Monelos.
Dende os comités reclámase aos responsábeis da Empresa Pública de Servicios Agrarios Galegos e da administración o mantemento dunha xuntanza na que aclarar cal vai ser o futuro e os obxectivos da empresa e proceder a readmisión dos compañeiros/as despedidos.
Os traballadores/as denuncian as pésimas condicións laborais que están a padecer, cobrando “salarios de miseria, tendo que sufrir o incumprimento reiterado dos compromisos acadados e a arbitrariedade para as novas contratacións, o que pon en perigo numerosos postos de traballo”.
Dende marzo xa foron despedidas 150 persoas, a pesar do acordo acadado cos anteriores responsábeis de SEAGA, e denúnciase que se está a prescindir do persoal máis “molesto” e con máis experiencia, polo que xa teñen advertido de que “non nos sorprendería que se producise unha catástrofe”.