Os empregados e empregadas do sector levan xa 18 meses cos salarios conxelados, sen que a día de hoxe estean previstas novas reunións de negociacións a nivel estatal, segundo explicou o secretario nacional de CIG-Banca, Clodomiro Montero.
As protestas desenvolvéronse diante da empresa Bosch dende as 10.00 ata as 10.30 horas na rúa María Berdiales, número 20. Na empresa Unísono dende as 11 ata as 11:30 na Gran Vía 110. E tamén no centro de Bosch na Avenida de Madrid, 183, dende as 12.00 ata as 12.30 horas. Durante as mobilizacións berráronse consignas como “Convenios aquí e non en Madrid”, “Non á deslocalización” ou “Convenio estatal, negocio patronal”.
Tanto Unísono como Bosch forman parte da patronal estatal ACCE, que ten o convenio bloqueado xa que esixen unha rebaixa salarial e o despedimento libre para o persoal indefinido e temporal.
Na comarca de Vigo traballan aproximadamente 2.500 persoas no sector dos centros de chamadas, un 70% do persoal ten contrato temporal, gran parte a tempo parcial. Os salarios oscilan dende os 491 euros para as persoas con xornada de 20 horas, ata os 958 das persoas contratadas a 39 horas que son unha minoría no sector.
Estas mobilizacións son a continuación das celebradas o pasado 1 de xuño nas principais empresas da Coruña, coas que a CIG reivindica o dereito a negociar un convenio galego para o sector.