Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 8/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Servizos denuncia que os traballadores/as do Teatro Jofre levan tres meses sen cobrar os salarios

O Concello asegura que xa pagou a factura á Sermasa, empresa que ten a concesión do servizo, pero esta continúa sen pagar as nóminas
Os traballadores e traballadoras de Sermasa que prestan os seus servizos nos espazos culturais do Concello de Ferrol –como o coñecido Teatro Jofre- levan tres meses sen cobrar os seus salarios. Ademais, este persoal (que realiza tarefas de montaxe de luz, son, atención, etc.) descoñece en que nova empresa vai ser subrogado, unha vez que xa rematou a prórroga da concesión a Sermasa.

Concretamente, a CIG-Servizos explica que o persoal ten pendente de percibir as nóminas correspondentes aos meses de marzo, abril e maio. Pola súa banda, dende o Concello de Ferrol informouse aos/ás traballadores/as que a factura xa foi pagada á empresa, pero esta non abonou os salarios nin aclarou cando procederá a realizar o pagamento.

Segundo explica Rocío Doce, da CIG-Servizos de Ferrol, a situación do persoal vese agravada xa que Sermasa vén de rematar a prórroga de dous anos despois dunha concesión de catro, e aínda non se ten constancia de que compañía vai subrogar aos/ás traballadores/as.

“Queremos denunciar a situación de abandono que están a sufrir estes compañeiros e compañeiras por parte da administración local, xa que o Concello é o responsábel de que as empresas que eles contratan cumpran coas súas obrigas”, subliña Doce.

Así mesmo, advertiu que a central levará adiante todas as medidas oportunas para resolver esta situación e evitar que este tipo de comportamento se volva repetir.

cig.prensa@galizacig.com