Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 8/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG e ELA presentan perante o Supremo denuncia contra os presidentes do Goberno, ministros de Economía e gobernadores do BdE

Responsabilízanos de non actuar para impedir a grave situación de crise económica e por ter provocado nefastas consecuencias para a poboación
Os secretarios xerais da CIG, Suso Seixo e de ELA, Adolfo Muñoz, “Txiqui”, presentaron denuncia, perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo, contra os ex presidentes do Goberno José María Aznar, José Luís Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy; os ex ministros de Economía Rodrigo Rato, Pedro Solbes e Elena Salgado; os ex gobernadores do Banco de España Jaime Caruana e Miguel Ángel Fernández Ordóñez e os administradores e xestores das caixas de aforro e entidades financeiras pola súa responsabilidade na crise, pola súa xestión e polas graves consecuencias que tiveron as medidas adoptadas para o conxunto da poboación.

O Secretario Xeral de ELA, Adolfo Muñoz "Txiqui" e o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo.

 

As centrais sindicais CIG e ELA consideran que máis alá das eventuais responsabilidades dos xestores das entidades financeiras, que malia ser ‘axudadas’ con diñeiro público teñen un  marcado carácter privado, existe unha regulación financeira estatal nun organismo de dereito público, o Banco de España, que ten encomendado o labor de supervisión do sistema financeiro.

Un labor que consideran que non se exerceu e que “contribuíu a un evidente deterioro da banca: por unha banda, unha acumulación de activos que non tiñan o valor que se lles estaba asignando e, pola outra, débedas con bancos estranxeiros que seguían valendo o que inicialmente se rexistrou”.

Entenden que o Banco de España, grazas á información da que dispón, “era coñecedor do que estaba pasando e tiña todos os elementos necesarios para prever o que ía suceder”. Máis cando, naquel delicado momento, se realiza a primeira reforma financeira coa aprobación da lei de caixas, coa que se consegue facer desaparecer a moitas caixas de aforros e reforzar aos grandes bancos, que serán quen sigan recibindo as axudas do Estado.

Advertencias dos Inspectores do Banco de España

Na comparecencia ante os medios, o secretario xeral de ELA, Adolfo Muñoz, Txiqui, lembrou a misiva remitida pola Asociación de Inspectores do Banco de España ao entón vicepresidente segundo do Goberno e Ministro de Economía e Facenda, en 2006, advertindo dos riscos que corría o sistema financeiro e a pasividade tanto do daquela gobernador como do Ministerio de Economía que,dixo, “ten unha especial responsabilidade de velar polo interese público que pode verse afectado polo exercicio da actividade bancaria”.

Xunto a isto, as organizacións sindicais apuntan ao Ministerio de Economía e, polo tanto, aos ministros de Economía, pola súa “especial responsabilidade de velar polo interese público que pode verse afectado polo exercicio da actividade bancaria” e é quen autoriza a creación de bancos. Sinalan que a xurisprudencia admite, ademais, en relación a estas licenzas “a posibilidade de modificar o contido da autorización inicialmente outorgada para mantelo constantemente adaptado, ao longo da súa vixencia, ás exixencias do interese público”.

Nese sentido, Txiqui asegurou que, tal e como se recolle na demanda, “é claro que a necesidade de inxectar tantos miles de millóns do erario público para evitar a creba do sistema financeiro trouxo consigo a redución do benestar de moitos cidadáns e cidadás”, matizando que “non hai que facer un grande esforzo argumental para ver a relación directa entre as enormes cantidades de diñeiro público inxectadas á banca e os non menores recortes aplicados no benestar da inmensa maioría dos cidadáns”.

Ex presidentes do Goberno

CIG e ELA consideran que tampouco se pode obviar a responsabilidade que no nomeamento dos Gobernadores do Banco de España teñen os Presidentes do Goberno xa que, aínda que formalmente corresponden ao Rei, a elección resulta, na práctica, do Presidente do Goberno, que é quen propón ao candidato/a.

Alén diso, engaden que como máximos mandatarios do Goberno do Estado español, teñen a capacidade de cesar ou, cando menos, de instar ao cese do Gobernador, Subgobernador ou Conselleiros non natos do Banco de España, segundo recolle o artigo 25.4.d da Lei de Autonomía do Banco de España.

“Os Gobernos, cos seus Presidentes á cabeza, eran sabedores, primeiro, da gravidade da situación e, segundo, de que non se estaban tomando as medidas axeitadas para evitar que a situación fora a peor. Asistimos a un empeoramento constante da situación económica e financeira mentres os Presidentes do Goberno mantiveron e defenderon a nefasta xestión da crise financeira por parte do Banco de España”.

Diante desta situación, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, denunciou a pasividade do sistema xudicial ante os responsábeis da crise. Unha actitude que atribuíu á dobre vara de medir e o carácter de clase que ten o aparello do Estado e a propia lexislación. “Actúase con total dureza ante calquera conflito de carácter laboral e de reivindicación dos dereitos dos traballadores/as, mentres que os responsábeis destas políticas económicas, que tan graves consecuencias tiveron para o conxunto da poboación, non teñen a consideración legal de ter cometido un delito e, polo tanto, non reciben castigo penal de ningún tipo polos seus actos”.

Neste sentido citou o caso dos compañeiros da CIG xulgados este xoves día 7 de xuño, acusados dun delito de desorde pública e outro de danos, por teren ocupado, xunto co resto dos traballadores/as as instalacións da Xunta de Galiza durante a folga de Metal de 2007. A fiscalía pide por isto cinco anos de cadea. “É evidente que a repercusión desas accións, do punto de vista do interese social e económico non é a mesma que a que ten a xestión que fixeron os gobernos antes e durante a crise”. Porén, lamentou que fronte a estes últimos “a fiscalía non promove acción penal algunha”.

Denuncia

Avalando estas afirmacións con toda unha serie de datos, incluídas as consecuencias dos procesos de fusión das entidades e as inxentes cantidades recibidas por moitas destas en concepto de axudas públicas, as organizacións sindicais nacionalistas ELA e CIG consideran que estes feitos, “sen prexuízo de ulterior cualificación”, revisten presuntamente as características dos tipos penais de: prevaricación por omisión do artigo 404 do Código Penal e Delitos societarios dos artigos 290 e ss do Código penal e, nomeadamente dos artigos 295 e 296.

Subliña que se deron “graves omisións arbitrarias de resolucións ás que estaban obrigados polos seus respectivos cargos, tanto os Gobernadores do Banco de España, Ministros de Economía e os Presidentes do Goberno, en aras a preservar os intereses económicos e financeiros do conxunto da poboación” e que “coñecían que coas devanditas omisións provocábanse situacións absolutamente inxustas para o conxunto da poboación e dos intereses xerais, cunhas consecuencias colectivas desastrosas e alarmantes desde os citados puntos de vista económicos e financeiros”.

Documentos
DENUNCIA CIG_ELA NO SUPREMO.pdf
cig.prensa@galizacig.com