Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 8/6/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Ensino presenta recurso no TSXG contra Educación por vulnerar o dereito a negociar a formación do profesorado

A Consellaría tampouco negociou os contratos-programa para os centros de primaria e secundaria
A CIG-Ensino decidiu presentar un recurso contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) pola negativa da Consellaría de Educación a tratar na Mesa Sectorial os “Plans de formación permanente do profesorado que se van implantar en centros educativos públicos”. A Consellaría vulnera, deste xeito, o dereito que asiste ás organizacións sindicais a negociar as condicións de traballo do profesorado e pon de manifesto, unha vez máis, o talante antidemocrático dos seus responsables.

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación “volve ás andadas” ao establecer unha nova modalidade de formación do  profesorado sen negocialo na Mesa Sectorial. A esta decisión súmase tamén a publicación, o 7 de xuño,  da Resolución coa regulación dos contratos-programa e as bases para a convocatoria e selección de programas dirixidos á mellora do éxito escolar nos centros de primaria e secundaria, sen negocialo tampouco cos representantes dos traballadores.

“Son dúas mostras máis do  comportamento antidemocrático e desprezativo da Consellaría de Educación que se volve situar á marxe da legalidade, ao furtar o dereito á negociación en temas importantes para o profesorado e o sistema educativo ”, explica Anxo Louzao, Secretario Nacional da CIG-Ensino.

En canto a resolución que regula os contratos-programa, a CIG-Ensino lamenta que a Consellaría de Educación, no canto de procurar que todos os centros educativos conten cos recursos necesarios para frear o fracaso escolar,  aposte por canalizar recursos extras a determinados centros, baseándose na taxa de éxito escolar e sen ter en conta o tipo de alumnado que escolarizan e a súa extracción social e económica. “É un modelo  que responde á visión reaccionaria e elitista da educación que non contempla medidas compensatorias que favorezan que o alumnado con maiores dificultades educativas e que desterra a igualdade de oportunidades”, explica Louzao.

cig.prensa@galizacig.com