Malia non formar parte das Mesas de Diálogo Social para un Acordo Galego polo Emprego, a CIG manifesta que, a pesar de ser a segunda central sindical de Galiza, nin sequera recibiu unha copia do devandito Acordo pola Competitividade para coñecer o seu contido e poder valorar, de vagar, o seu alcance.
Alén diso, e tendo en conta a escasa información da que, a estas alturas, dispón, a CIG salienta o paradoxo que supón que no seo das Mesas para un Acordo Galego polo Emprego se asine un ‘Acordo pola Competitividade’, co que iso implica.
Neste sentido, Consuelo Martínez, secretaria confederal de Organización sinala que “cada vez que falamos de competitividade parece que a única forma de sermos competitivos é contendo ou baixando os salarios, flexibilizando as condicións laborais e as xornadas e aumentando, polo tanto, a explotación directa sobre o traballador”. Fronte a isto lembra que, para a CIG, o que se debería propiciar é “a mellora da produción e da calidade do produto, non que sexa máis barato porque se reducen os custos de produción a custo de rebaixar as condicións laborais”.
A secretaria confederal de Organización subliña tamén que até o de agora, as medidas adoptadas levaban aparelladas partidas destinadas “á subvención directa aos empresarios, pero non partidas destinadas a aplicar medidas para o desenvolvemento de sectores produtivos básicos do noso país, coa importancia que teñen para a economía galega”, e semella que neste caso van seguir o mesmo camiño.
Porén, mentres se subvenciona ao sector empresarial, a mocidade galega máis cualificada segue a emigrar ben por falta de postos de traballo, ben polas condicións laborais que hai en Galiza. “Seguimos estando á cola, cos salarios máis baixos do estado e non se están a adoptar medidas que solucionen esta problemática nin para a clase traballadora galega, nin para os nosos sectores produtivos”.
Xunto a iso, resulta rechamante que este Acordo se presente xusto cando está a piques de rematar a lexislatura, nun gran acto propagandístico, e que se diga que está prevista a súa execución do 2008 ao 2011. Consuelo Martínez lembra que o exercicio de 2008 superou xa o seu ecuador e nos orzamentos previstos para este ano non figuraban partidas destinadas a pór en marcha os plans que o Presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, publicitou no acto oficial de sinatura do Acordo, polo que “este ano non parece que se vaian facer efectivos”. A iso engade que “para que sexa un plan críbel deben consignarse partidas orzamentarias para cada unha desas 300 medidas anunciadas e esas partidas orzamentarias son, precisamente, as grandes ausentes”.