A continuación reproducimos o comunicado emitido pola CIG-Construción e Madeira:
Pola boca morre o peixe. O dito resulta acaído logo de ler as declaracións do Presidente da Asociación Galega de Graniteiros recollidas nalgúns medios de comunicación. Despois de recorrer ao tópico das “motivacións políticas detrás da folga”, (que xa empezamos a valorar como o único recurso dos incompetentes) asevera cousas como que o estudo de po e ruído non está validado polas partes.
Para a CIG a validación do estudio ven dada polo recoñecido prestixio do organismo que realizou o mesmo, a petición de sindicatos e empresarios, despois dun largo proceso de negociación e consenso.
Dicir que a silicose só está a diagnosticada nas canteiras é, cando menos, unha afirmación temeraria e mesmo unha deslealdade entre empresarios, xa que pretenden cargar sobre a actividade extractiva, unha parte da cadea da industria do granito, a exclusividade das enfermidades profesionais.
A industria transformadora está a realizar procesos continuos, en moitos casos durante as 24 horas, de corte, pulido e abuxardado de rocha granítica, material que contén uns niveis de sílice superiores ós que se atopan na minería do carbón, sector no que ningún dubida que existan enfermidades profesionais.
Negar esta evidencia, a existencia de risco silicótico, resulta preocupante, xa que implica que non se adoptarán medidas para evitar enfermidades que, segundo afirman os empresarios, non están diagnosticadas. Queremos recordarlle ao presidente da Patronal que son eles os que están a negar a posibilidade de realizar un estudo epidemiolóxico para coñecer a incidencia das enfermidades profesionais.
Ao po silicótico temos que engadir os altos niveis de ruído, durante toda a xornada laboral e a necesidade de utilización de varios equipos de protección individual como cascos, gafas, pantallas, tapóns nos oídos, mascariñas, botas de augas ou mandilóns, o que da fe da penosidade que implica traballar nestas condicións.
Xa que logo as medias verdades a que alude o empresario, convérsense en verdades incontestábeis: os empresarios rexeitan o estudo, coas consecuencias que se desprenden deste feito: non recoñecen a existencia de condicións tóxicas co que nin pagan os pluses comprometidos en convenio colectivo nin, é de supoñer, adoptarán medidas preventivas en función dos datos que se sinalan no informe técnico sobre po é ruído.
Estes son parte moi importante dos motivos que nos levaron a convocar a Folga.
A Asemblea de traballadores acordou continuar a folga no sector os día 14, 16 21 e 22 xullo. O próximo venres día 10 ás 8 da tarde celebrarase unha nova Asemblea de traballadores do Sector na Casa Sindical de O Porriño para avaliar a situación e informar sobre as negociacións que se están a levar coa intermediación da Inspección de Traballo.
Asinado: Alberto Fernández Campo
Secretario Comarcal da FCM-CIG