A gravidade deste novo ERE está en que o contrato mercantil entre Vodafone e Sykes segue vixente, polo que nos atopamos ante un fraude perpetrado pola empresa pretendendo despedir ós mesmos 127 traballadores que se contemplaban no primeiro ERE e que a resolución lle denegou.
Este intento de novos despedimentos demostra a mala xestión da dirección de Sykes. Neste senso, a presidenta do Comité, Dina Lema, explicou que un grupo de traballadores/as realizou hai unhas semanas un curso de formación para atender unha nova contrata de Vodafone, mais o día no que supostamente ían comezar a actividade, a empresa comunicou a suspensión da mesma, impedíndolle ao persoal que accedesen ao servidor de Vodafone.
A decisión de presentar este novo expediente demostra que as intencións de Sykes pasan polo desmantelamento completo da plataforma de A Grela, tal e como viña denunciando o Comité dende principios de ano, e, ademais, pretende deslocalizar o centro dun xeito barato a través de expedientes de extinción.
Responsabilidade da Xunta
Dende o Comité reclámase tamén á responsabilidade da Xunta nesta situación, xa que até o momento a Consellaría dirixida pola coruñesa Beatriz Mato amosou unha total pasividade diante da destrución masiva e continuada de empregos, mesmo dándolle azos á dirección para continuar cometendo irregularidades ao avalar o despedimento de 68 empregados/as.
O Comité esixe que a Consellaría de Traballo se posicione claramente na defensa dos traballadores e traballadoras e que actúe de oficio, non admitindo a trámite a solicitude deste novo ERE en tanto está sen resolver o recurso de alzada contra a aprobación do anterior expediente.Cabe destacar que a actuación desta Empresa non ten antecedentes, xa que en ningún caso se teñen presentado 2 EREs sucesivos sen terse aínda resolto o primeiro.