Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 8/8/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Concentración en Bioetanol Galicia S.A, en Teixeiro, contra os despedimentos e os traslados forzosos

Demandan a readmisión dos compañeiros/as despedidos/as e que se informe e negocie co comité
Traballadoras e traballadores de Bioetanol Galicia S.A, concentráronse entre as 14:30 e as 15:30 horas deste martes, día 7 de agosto, diante das instalacións da empresa -no Polígono Industrial de Teixeiro- para demandar a readmisión dos compañeiros despedidos; información sobre as garantías de mantemento do emprego futuro; a presentación dun plan no que se especifiquen as previsións empresariais e que os traslados sexan negociados co comité. As concentracións repetiranse os días 9 e 13 de agosto, ás mesmas horas, e teñen convocada, para o día 20 deste mes, unha folga de 24 horas.

Con esta concentración dáse inicio ao calendario de mobilizacións acordado na asemblea de traballadores/as celebrada o pasado día 3 de agosto. O Comité valora moi positivamente o nivel de participación, dada a elevada asistencia de traballadores/as ás saídas e entradas das diferentes quendas e a que mesmo se sumaron algúns veciños do concello.

Con estas mobilizacións reclaman a readmisión dos catro compañeiros despedidos. Uns despedimentos que foron xustificados alegando causas económicas, comunicados aos afectados sen informar previamente ao comité de empresa e xustificados por mor dunha diminución de ingresos, en ningún caso perdas.

Xabier Filgueira, da CIG-Químicas da Coruña denuncia que con anterioridade a empresa xa acordou desprazar a Sevilla unha sección de administración, o que afectaría a 5 traballadoras. “Entendemos que o que pretenden é facer despedimentos encubertos, porque o cadro de persoal é moi novo, con cargas familiares, e tería serias dificultades para afrontar un traslado destas características, cando ten toda a súa vida e familia aquí”, explica.

Do mesmo xeito, a empresa aplicou modificacións substanciais das condicións de traballo a dúas persoas que desenvolvían a súa actividade como operadoras e que pasan ao departamento de loxística.

Estas actuacións, “profundamente inxustas”, explica Filgueira, son consecuencia da recentemente aprobada reforma laboral, que permite que as empresas adopten decisións discrecionais que teñen graves consecuencias para as traballadoras e traballadores. As mobilizacións acordadas son, xa que logo, para reclamar que se respecten uns dereitos que hoxe están en xogo e por unha “cuestión de dignidade”, afirma o representante da CIG.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com