A primeira destas citas terá lugar o xoves 9 de setembro, ás 20:00 horas, no salón de actos da central en A Coruña. Na asemblea, á que está chamada a participar toda a afiliación até os trinta anos, tamén participará a Secretaria Nacional da CIG-Mocidade, Margarida Corral, quen subliña que os mozos e as mozas, xunto coas mulleres, “son os grupos máis afectados polas políticas económicas, sociais e laborais negativas derivadas do capitalismo e o neoliberalismo”.
A Comisión Nacional da CIG-Mocidade acordou levar a cabo unha campaña propia (no marco das mobilizacións da Confederación Intersindical Galega) en resposta á reforma laboral, baixo o lema “Non á explotación xuvenil! Emprego digno para a mocidade! A través desta iniciativa preténdese facer unha chamada á mobilización da xente nova da central nacionalista para que participe nos actos que a Confederación está a realizar, previos á folga xeral.
Nas asembleas, alén de debater as consecuencias do conxunto de medidas regresivas adoptadas polo diferentes gobernos, analizar a situación social e laboral da mocidade e concienciar da importancia de secundar a convocatoria de folga xeral, organizaranse as mobilizacións que a CIG-Mocidade ten previsto desenvolver o vindeiro 17 de setembro en cada comarca para denunciar a negativa incidencia da reforma laboral na cualidade de vida da xente máis nova.
Calendario de asembleas
A Coruña, xoves 9 de setembro, ás 20 horas no 8º andar do edificio de sindicatos
Santiago, venres 10 de setembro, ás 20 horas, no edificio sindical
Ferrol, venres 10 de setembro, ás 19 horas no salón de actos do edificio sindical
Lugo, luns 13 de setembro ás 20 horas, no local sindical.
Vigo, martes 14 de setembro ás 19 horas, no edificio do sindicato.
Ourense, luns 13 de setembro, ás 19:30 horas, no local sindical.
Pontevedra, mércores 15 de setembro, ás 19:30 horas no Pazo de Cultura.