O Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, que participou do peche-concentración na Oficina Principal do Banco Santander de A Coruña, explicaba ao inicio da protesta que a central convocou esta xornada de loita de cara a preparar a folga xeral do vindeiro 29 de setembro e “porque queremos escenificar publicamente que en grande medida a responsabilidade da crise económica está na banca privada, no gran capital, que tamén é quen se está favorecendo con esta situación”.
As mobilizacións, enmarcadas nos actos previos que a central sindical ten organizados para preparar a folga xeral do vindeiro 29 de setembro, realizáronse de xeito simultáneo en diferentes oficinas bancarias de Vigo, Ourense, Pontevedra, Compostela, Ferrol, Lugo e A Coruña, en contra da ratificación definitiva no Congreso, o xoves 9 de setembro, da reforma laboral. Texto que, logo do seu paso polo Senado, aínda resulta máis regresivo e cercenador dos dereitos da clase traballadora.
Neste senso, Seixo lanzou un chamamento para concienciar aos traballadores e traballadoras da necesidade de saír desta crise encamiñados cara a un novo modelo económico e social favorábel á maioría social. Por isto, apuntou, faise preciso pór enriba da mesa un debate serio sobre o papel que está a cumprir a banca privada e a necesidade de crear unha banca pública que permita canalizar os recursos económicos cara ao tecido produtivo e non actúe cos criterios de “beneficio e especulación propios da banca privada”.
Unha folga xeral necesaria
O Secretario Xeral da CIG asegurou durante a concentración que a convocatoria de folga xeral non é “ningunha putada”, en referencia ás declaracións do Secretario Xeral de CCOO, Ignacio Fernández Toxo. “O que é unha putada son os motivos que nos levan a convocar unha folga xeral, tan necesaria para frear esta política de recorte de dereitos contra a clase traballadora, cando nin as supostas rixideces do mercado laboral, nin a estrutura da negociación colectiva nin o custe do despedimento tiveron a ver coa orixe da crise económica”, aseverou. “A folga xeral é necesaria e xa se tiña que ter dado con anterioridade, aínda que por culpa de CCOO e UGT atrasouse até o 29 de setembro”, afirmou Seixo.
Dende a Confederación Intersindical Galega agárdase unha importante participación na folga xeral, cando menos como a acadada na xornada de paro de 2002. “Os traballadores e as traballadoras teñen que entender que só coa mobilización se pode parar esta política de recortes”, apuntou o Secretario Xeral da CIG, quen valorou que “Galiza será unha das nacións do estado onde se rexistrará maior resposta nesta folga xeral”.
Asemblea concorrida
Previamente á acción de protesta, o salón de actos do edificio de sindicatos de A Coruña quedou pequeno para acoller a todos os delegados e delegadas que se achegaron á asemblea na que o Secretario Comarcal, Paulo Carril, advertiu que a patronal non se vai conformar con aplicar a reforma laboral, senón que sempre recorrerá “á versión máis brutal” da norma. Por iso, subliñou que é fundamental demostrar a capacidade de mobilización da maioría social para ir a unha alternativa económica e social, pero tamén a outro tipo de organización de clase, allea ao modelo burocratizado e fracasado de CCOO ou UGT.
Ocúpanse as delegacións de BBVA, Banco Santander e Caixa Galiza en Compostela
En Compostela, a asemblea comezou ás 10:30 horas coas intervencións de Ramiro Oubiña, secretario confederal de Finanzas e o secretario comarcal Anxo Noceda. Ao seu remate, os delegados e delegadas dirixíronse á Praza de Galiza, onde ocuparon as delegacións de Caixa Galicia, do banco Santander e do BBVA, segundo explicou Noceda, “para evidenciar quen son os responsábeis da crise” e para dar resposta á estratexia deseñada polo capital “para salvarse a si mesmo a custo de precarizar as nosas condicións laborais e restarnos prestacións sociais”, engadiu Oubiña.
As ocupacións continuaron até as 12:30 horas para rematar cunha concentración na Praza de Galiza preto das 13:00 horas.
A CIG de Ferrol péchase no BBVA durante unha hora
Dende a CIG de Ferrol amosáronse moi satisfeitos polo número de delegados e delegadas que participaron na asemblea convocada para esta mañá, na que interviñeron os voceiros comarcais, Manuel Grandal e Xesús Anxo López Pintos, e Luis Burgos, quen se encargou de debullar polo miúdo as medidas recollidas no texto da reforma laboral. Desta ocasión, a protesta levouse até o interior das oficinas do BBVA na Praza do Callao, onde permaneceron arredor dunha hora, xa que o pasado mes de xuño a central sindical protagonizara outro encerro simbólico no Banco Santander, co obxecto de sinalar aos verdadeiros culpábeis desta crise. “Mentres que moitas persoas perderon as súas casas por non poder pagar as hipotecas, os bancos continúan obtendo altísimos beneficios e pretenden que sexa a clase traballadora a que pague a crise”, denunciou López Pintos. Pola súa banda, Manuel Grandal advertiu que, fronte á idea xeneralizada de estarmos nun período transitorio, se a clase traballadora non se mobiliza neste momento contra das políticas regresivas, as medidas que se aproben agora serán irreversíbeis e permitirán ir afondando en recortes máis profundos.
Ocupación do BBVA en Lugo
En Lugo, os delegados e delegadas que acudiran previamente á asemblea, ocuparon simbolicamente ao mediodía as oficinas do BBVA situadas na Rúa da Raíña, onde a mobilización se desenvolveu sen rexistrar ningún incidente. O Secretario comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, valorou positivamente a participación nas accións desenvolvidas este mércores, e mesmo indicou que progresivamente se vai notando unha mellora de actitude por parte dos traballadores e traballadoras de cara a secundar a convocatoria de folga xeral do vindeiro 29 de setembro; unha xornada necesaria para frear os brutais ataques á clase obreira.
700 delegados/as participan nas accións de Vigo
Arredor de 700 delegados/as da comarca viguesa participaron na asemblea celebrada no Teatro García Barbón para preparar a convocatoria de folga xeral o vindeiro 29 de setembro. Os encargados de introducir o debate foron o secretario comarcal da CIG de Vigo, Serafín Otero, e os membros da Executiva Confederal do sindicato, Manuel Currás, Francisco Miranda e Antolín Alcántara.
Durante dúas horas analizáronse as principais causas da actual crise, a súa orixe na economía financeira especulativa, así como as eivas máis importantes do sistema capitalista e a necesidade dunha resposta conxunta da clase traballadora galega ante a nova agresión aos dereitos que supón a reforma laboral. Tamén se fixo un repaso polas alternativas encamiñadas á consecución dun sistema máis xusto e solidario.
En canto á mobilización social, incidiuse na importancia de amosar na rúa o rexeitamento a unhas políticas que “son só o primeiro paso cara a unha precarización total do mercado de traballo, a reforma do sistema de pensións, do desemprego e da negociación colectiva”, en palabras de Antolín Alcántara. Pola súa banda, o secretario comarcal animou a toda a cidadanía a participar na folga xeral e nas distintas mobilizacións convocadas pola CIG, incluindo unha marcha o mesmo día 20 que partirá da Doblada ás 12.00 horas.
Despois da asemblea os asistentes partiron en manifestación cara ao cruzamento de García Barbón coa rúa Colón, onde despois de concentrarse uns minutos ocuparon as sedes das entidades crediticias Banco Santander e Banco Pastor. No interior berraron consignas contra a reforma laboral e denunciando a responsabilidade dos bancos na crise económica, ademais de repartir folletos informativos. As concentracións disolvéronse pasadas as doce e media sen que se rexistraran incidentes.
A CIG de Pontevedra chama á participación masiva na folga
A asemblea de Pontevedra celebrouse no Pazo da Cultura e nela déronse cita máis de 150 representantes sindicais, que incidiron especialmente na necesidade de explicar en todos os centros de traballo as consecuencias da reforma e o feito de que sexa o comezo de ataques máis graves contra os dereitos da maioría social. Auguraron o éxito da convocatoria de folga e da manifestación que percorrerá dende a Praza da Ferrería as principais rúas da cidade o mesmo día 29 de setembro. Despois do debate partiron nunha marcha e realizaron unha acción de protesta na sede de Banesto na rúa Gutiérrez Mellado. Deste xeito amosaron tamén o seu apoio á loita dos compañeiros da entidade para evitar máis despedimentos e conseguir a regulación das horas extras.
A policía ordena o abondono nas oficinas do Banesto de Ourense
O salón de actos da Antiga Casa Sindical de Ourense acolleu a máis de 200 delegados e delegadas da CIG, que posteriormente ocuparon as oficinas de Banesto na rúa do Paseo. Despois de 45 minutos no seu interior, a Policía ordenoulles que abandonaran a sucursal baixo ameaza de desaloxo. A concentración continuou no exterior sen incidentes.