Dende CIG-Saúde explican que o servizo de citacións foi concedido, mediante concurso, a unha empresa privada para que monte unha Central de Chamadas que dea resposta ás solicitudes de cita telefónica para o persoal Médico e de Enfermería de Atención Primaria. Para dar estas citas esta empresa privada fará uso dos datos dos pacientes que figuran na tarxeta sanitaria, que están en poder do SERGAS.
CIG-Saúde preguntou en repetidas ocasións ao SERGAS polo desenvolvemento das centrais de chamadas que recolle o Plan de Mellora de Atención Primaria. “A falta de resposta levounos a manifestar a nosa protesta na Acta da reunión da Comisión de Seguimento do Plan de Mellora en abril de 2008”, informan dende a Federación.
Diante da publicación no DOG nº 105 do 2 de xuño de 2008 no que o Instituto Galego de Medicina Técnica S.A. convocaba un concurso publico para cubrir o servizo de cita previa no eido da atención primaria da Comunidade Autónoma de Galicia, CIG-Saúde remitiu un escrito aos responsábeis do SERGAS, ao que non deron resposta algunha. No mesmo amosaban a posición da CIG, contraria á privatización deste servizo e solicitaban que a central de chamadas fora xestionada directamente polo SERGAS con persoal seleccionado das listas de vinculación temporais.
A través destas mobilizacións, preténdese pór de manifesto diante do SERGAS e da opinión pública o desacordo de conxunto de traballadoras e traballadores do sector co modelo de cita previa elixido, que supón a privatización dun servizo público e a conseguinte precarización de postos de traballo.