Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Vigo, 9/10/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG-Saúde de Ourense critica a privatización do servizo de cita previa de Atención Primaria da provincia

Precarización e riscos para os usuarios e usuarias do Sergas
O novo servizo do Sergas ‘Saúde en liña’ entrou nesta segunda semana de outubro en funcionamento, adxudicándolle o desenvolvemento destas funcións a unha empresa privada, servizo suministrado polo Callcenter. Todas as chamadas telefónicas de citación previa dos centros de saúde da provincia de Ourense, deste xeito, pasarán por este novo servizo. A CIG Saúde critica esta nova privatización, xa que “este servizo debe funcionar con traballadores e traballadoras do Sergas e cun control exhaustivo dos datos sensíbeis dos e das usuarias”.

A CIG Saúde de Ourense, a través dun comunicado de prensa, sinala que a Consellaria de Sanidade se aproveita dunha iniciativa sindical para mellorar este servizo de cita previa e atención telefónica para ‘dar renda solta á súa política privatizadora'. A central sindical nacionalista critica as consecuencias que conleva esta decisión xa que "os datos médicos da tarxeta sanitaria quedan en mans dunha empresa externa ao Sergas e a precarización das condicións de traballo do persoal, xa que os traballadores desta empresa non foron seleccionados a través de listas de contratación do Sergas".

Precarización e riscos para os usuarios

"A privatización de servizos o único que trae é ganancias para os intermediarios, precarización no emprego e riscos para os usuarios. Nas listas do Sergas hai demandantes de emprego que aboaron as taxas correspondentes para inscribirse nelas pero cando se cómpren contrátase unha empresa externa. Imos seguir por ese camiño?. O modelo que parecen implantar é o da privatización da sanidade co exemplo da comunidade de Madrid con diminución dos servizos e despedimento de traballadores e traballadoras. Isto non se pode repetir en Galiza", engaden desde a CIG Saúde.

Agardan rectificación do Sergas

Por último, agardan unha rectificación por parte "dos responsábeis do Sergas, aínda están a tempo: poñan a funcionar o servizo con traballadores do Sergas, controlen os datos sensíbeis dos usuarios e usuarias, como é a súa obriga, e afronten responsabilidade de ofrecer un bo servizo".

cig.prensa@galizacig.com