Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 9/10/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A Mesa lémbralle ao PP que “o groso da lexislación lingüística que reclamamos que se cumpra foi promulgada nos seus mandatos"

Preto de 200 casos de vulneración dos dereitos lingüísticos na cidade da Coruña
A Mesa pola Normalización Lingüística e a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello da Coruña veñen de facer balance dos primeiros dez meses de funcionamento no ámbito municipal da Liña do Galego. Un servizo coordinado pola Mesa que ten como obxectivo velar polos dereitos lingüísicos da cidadanía, que se pode dirixir á asociación para lle facer chegar consultas sobre cales son estes dereitos, queixas no caso de que sexan vulnerados e mesmo enviar parabéns a aquelas empresas que deron pasos na inclusión do galego.

Segundo a concelleira de Normalización, Ermitas Valencia, a sistematización destes datos serve de “termómetro” para avaliar o funcionamento da propia Concellaría, grazas ao compromiso da Mesa de ofrecer informes periódicos sobre a utilización da Liña do Galego.

O presidente da Mesa, Carlos Callón, sinalou que se trata dunha ferramenta “útil e innovadora” no caso da nosa lingua e que servirá para presentar informes tamén ante institucións internacionais como o Consello de Europa. Desde a entrada en funcionamento da Liña do Galego, no ámbito municipal da Coruña abríronse un total de 25 expedientes de consultas, 9 de parabéns e 181 de queixas.

Moitas das consultas foron en relación coa entrada en vigor do novo decreto do ensino non universitario e tamén coa galeguización de nomes e apelidos. Ademais, segundo Carlos Callón, “algunhas das consultas foron de persoas que queren dar a coñecer casos de discriminación mais que non se atreven a dar o paso de presentar unha queixa pola especial vulnerabilidade das súas situacións”. Neste sentido, aclarou que “aínda que a Liña non tramita solicitudes anónimas, garante sempre a estrita confidencialidade dos datos persoais achegados”.

Dentro destes casos, que poderían pasar a tramitarse como queixas nos vindeiros días, atópanse o dunha xinecóloga que exixía á súa paciente falar en castelán para ser atendida e o doutra persoa á que lle indicaron nunha entrevista de traballo que se falaba galego non ía ser contratado.

En canto aos 181 expedientes de queixa, o presidente da asociación en defensa da lingua salientou o caso da imprenta Porvén, que “engadía un sobreprezo aos traballos impresos en galego, mesmo cando os interesados entregaban o texto a imprimir”, unha discriminación que a empresa accedeu a corrixir.

Tamén hai unha queixa que atinxe ao Hotel Avenida, no que lle indicaron a un cliente que o poderían atender en español e mesmo en inglés, mais non en galego, e o xa denunciado publicamente caso do Carrefour, no cal un xefe de sección se dirixiu a unha empregada galegofalante coa frase “Burra, no hables lenguas menores”. Afortunadamente, a empresa xa anunciou que ía tomar medidas para que situacións deste tipo non se volvan producir.

109 queixas do concello

Por sectores, chama a atención que 109 das queixas son relativas ao Concello da Coruña. Fronte a este dato negativo, Callón salientou que “é un paso adiante que moitos veciños sexan conscientes dos seus dereitos e reclamen a mudanza por parte da administración municipal”. O uso de toponimia deturpada, a exclusión do galego en páxinas web dependentes do Concello e a falta de atención ao público no noso idioma centran boa parte das reclamacións presentadas polos cidadáns.

Outras 6 queixas son referidas á administración galega con sede na cidade, e 3 á administración periférica do Estado. Segundo o presidente da Mesa, “isto non quere dicir que se cumpra máis a lei nun eido ou noutro, senón que moitas veces os cidadáns non son conscientes do dereito a seren atendidos en galego por parte da Administración do Estado”.

A Xustiza centra catro queixas, e a Sanidade cinco, destacando o caso especialmente grave do Hospital Modelo da Coruña, xa denunciado publicamente. Unha pediatra deste centro exixiulle a un menor de idade que non se dirixise a ela en galego para ser atendido.

No eido do ensino rexistráronse 28 queixas, e, no caso de empresas privadas foron 19 os expedientes que se abriron. Callón negou que se tramitaran casos de comercios que non rotulan en galego “porque, até o momento, o noso é o único idioma do Estado que carece dunha regulación que impida a súa exclusión neste sector” e sinalou que “mesmo durante os anos de goberno do PP nas Illes Balears existía unha lei que indicaba iso”. “Parece que para o PP o galego non é só unha lingua de segunda a respecto do castelán, senón tamén do catalán e do vasco, polo seu xeito de actuar de forma diferente nuns e noutros territorios”.

O presidente da Mesa denunciou a utilización política que o Partido Popular da Coruña, con Carlos Negreira á fronte, lle está dando ás cartas nas que A Mesa informa ás empresas e institucións sobre as queixas recollidas pola asociación, nas que se lle informa sobre a legalidade vixente en materia lingüística e se lles solicita que adopten medidas.

“Estas misivas, que van sempre perfectamente identificadas co carimbo da Mesa e asinadas por min como presidente da asociación, en ningún momento entran no campo semántico da coacción nin da ameaza, simplemente se informa de que non se pode incumprir a lei nin discriminar a ninguén por falar en galego”. Ao que engadiu que “a maioría das leis ás que nos referimos nas cartas foron aprobadas polo goberno de Manuel Fraga (por exemplo, a que regula o uso do galego nas Cámaras de Comercio) ou durante outros mandatos do seu partido (como é o caso da Lei de normalización lingüística)”.

“Se Carlos Negreira está de acordo en discriminacións lingüísticas como que unha imprenta cobre máis por imprimir en galego ou que a alguén o rexeiten nun posto de traballo por falar galego, que o diga claramente”, concluíu Carlos Callón, que demandou do voceiro do PP coruñés “que deixe de lanzar inxurias contra A Mesa que non se corresponden coa realidade”.

Os casos denunciados hoxe son só aqueles dos que A Mesa tivo coñecemento, unicamente unha pequena mostra das situacións diarias de vulneración de dereitos lingüísticos en Galiza e no ámbito municipal da Coruña. Por iso, a conferencia de imprensa finalizou cun convite á cidadanía a que utilice a Liña do Galego, un servizo gratuíto dispoñíbel a través do teléfono 902 10 64 74 e do correo electrónico linhadogalego@amesanl.org.

cig.prensa@galizacig.com