Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 9/10/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

CIG-Ensino exíselle á Consellaría que actúe perante a actuación da Inspección de Traballo con respecto ao profesorado substituto

A pescuda afecta á provincia de A Coruña e xa están citados uns 200 docentes
A Inspección de Traballo está a realizar unha investigación sobre os nomeamentos de profesorado substituto durante o verán de 2008, que poderían supor a reclamación aos traballadores/as afectados do diñeiro percibido pola prestación de desemprego e a anulación da cotización á Seguridade Social deses meses. A actuación da Inspección responde as melloras laborais recollidas no acordo do ano 2006 polo que o profesorado substituto que acumulase cinco meses e medio de contrato conseguía o dereito a un nomeamento durante o mes de xullo e os días pertinentes de agosto. 

A investigación que está a realizar a Inspección de Traballo afecta exclusivamente á provincia da Coruña e dos 700 docentes substitutos con nomeamentos durante os meses de verán están citados ao redor de 200, correspondéndose a profesorado que percibiu a prestación por desemprego unha vez rematado o nomeamento (en case todos os casos nas primeiras semanas de agosto).

O dereito a cobrar durante os meses de verán de aquel profesorado que traballara durante cinco meses e medio foi froito das mobilizacións que durante o 2006 levou a cabo a CIG-Ensino e outras organizacións no seo da Plataforma pola Estabilidade do Profesorado Interino. A addenda ao acordo de interinos, que a CIG-Ensino non subscribiu ao considerar o novo acordo insuficiente por non recoller un pacto pola estabilidade, si recollía melloras longamente demandadas pola CIG-Ensino e o colectivo de profesorado interino como o dereito a cobrar durante os meses de verán logo de ter traballado durante 5 meses e medio no curso escolar e que formaban parte da táboa reivindicativa das mobilizacións do ano 2006, que tiveron como actuacións máis destacadas o peche no IES Rosalía de Castro e a alta participación nas diferentes folgas.

Actuación desproporcionada

Agora, a Inspección de Traballo, aínda actuando dentro das súas competencias xa que o profesorado afectado pertence ao réxime xeral da Seguridade Social, decide investigar aqueles nomeamentos. Para a CIG-Ensino estaríamos diante dunha actuación desproporcionada da Inspección de Traballo ao estar, de feito, pondo en cuestión a mellora nas condicións de traballo do colectivo máis precario dentro dos traballadores e traballadoras do ensino público. Desde unha perspectiva xurídica as consecuencias para o profesorado afectado poderían chegar á reclamación do diñeiro percibido pola prestación de desemprego e a anulación da cotización á seguridade social dos meses de verán, cuestións que para a CIG-Ensino son absolutamente rexeitábeis.

A CIG-Ensino esixiulle á Consellaría de Educación que tome cartas no asunto e faga as xestións oportunas para evitar que sexa o profesorado substituto o que cargue coas consecuencias das decisións administrativas e de xestión de persoal da propia administración educativa. A CIG-Ensino non vai permitir que a Consellaría fique cos brazos cruzados. Así, demandámoslle a convocatoria urxente da Mesa Sectorial Docente para que se nos proporcione información das medidas que a Consellaría vai adoptar e que só poden concluír coa resolución dun problema do que o profesorado non é en absoluto responsábel.

cig.prensa@galizacig.com