O organismo de dirección da central nacionalista decidiu por unanimidade denunciar publicamente esta práctica despois das recentes detencións practicadas pola Policía española no ámbito do independentismo galego e tras comprobar que as persoas arrestadas son recluídas en prisións que se atopan a centos e centos de quilómetros do noso país.
Dende a central nacionalista critican que con esta política de dispersión penitenciaria que o Estado español aplica dende hai máis de tres décadas contra os presos/as políticos/as penalízase tamén ás súas familias e amizades. Neste senso, lembran que a tanto a propia Lei Penitenciaria como a Constitución españolas establecen o dereito dos presos/as a permaneceren recluídos en centros que se atopen o máis cerca posíbel do seu domicilio habitual.
Finalmente, salientan que os constantes incumprimentos nesta materia por parte do Goberno español motivou numerosas denuncias de distintos organismos e institucións internacionais.