Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 9/10/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Ante as acusacións á CIG do candidato do PP, Miguel Tellado Filgueira, a central lembra que lle levou un caso por despedimento

CIG- Ferrol asegura que cobrou unha indemnización e que aínda adebeda a porcentaxe correspondente polos servizos prestados
Ante as declaracións de Miguel Tellado Filgueira, número catro na candidatura do PP pola Coruña e asesor do Alcalde de Ferrol, de que a central sindical está doída “porque desde que goberna o PP puxemos aos seus liberados a traballar”, a CIG de Ferrol lémbralle que non pensaba o mesmo cando recorreu á central sindical para solucionar os seus problemas laborais.

O responsábel de Organización da CIG na comarca de Ferrolterra, Xosé Luís Rivera Jácome, lamenta os problemas de memoria de Tellado Filgueira. “Será que o tren de lavado polo que o pasaron no PP ‘limpou’ da súa breve biografía todos os residuos que lle quedaran da súa etapa como traballador”, afirma e engade que antes de ser “liberado” do PP, “condición que tanto critica”, pasou por un despedimento  na empresa en que traballaba, alá polo ano 2001.

“Daquelas, cando tivo problemas con ese despedimento, a súa valoración da CIG era ben distinta”, di Rivera. Miguel Tellado tivo relación coa CIG, “o tempo necesario para que a nosa Asesoría Xurídica lle levase ese proceso”, matiza o responsábel de Organización.

Un proceso do que cobrou a correspondente indemnización e do que, “aínda estamos agardando que nos pague a parte que lle correspondía como porcentaxe polo servizo prestado”.

Xosé Luís Rivera sinala que este non é o único caso de cargos do PP que recorren á CIG cando teñen necesidade de que alguén os asesore e defenda os seus dereitos laborais e augura un “mal futuro na política para esta persoa” que se está a estrear “con constantes saídas de ton e un atrevemento temerario, ao atacar a unha organización sindical que ten o aval, neste intre, dun amplo sector da clase traballadora, sendo a máis representativa na comarca e co maior número de afiliados/as”.

Engade que esta representatividade ten moito que ver co modelo sindical da central sindical e que é a que lle dá á CIG o dereito e os recursos suficientes para ter avodagos/as, delegados/as e liberados/as sindicais, que “non só traballan, senón que o fan ben, para resolver problemas como o que el tivo cando acudiu para resolvelos”.

A CIG de Ferrol agarda que “non teñamos a desgraza de que o goberno que saia das urnas o vindeiro día 21 conte con persoas da súa catadura moral, da súa soberbia e, por que non dicilo, da súa ignorancia”.

Nerviosismo das fileiras ‘populares’

A CIG de Ferrol atribúe as actitudes que o PP está a adoptar nas últimas datas ao nerviosismo que está a xurdir nas súas fileiras. “É tal o cúmulo de despropósitos que dá a sensación de que estiveran dando paus a todo o que se move ao seu redor sen atinar coa ‘piñata’ por non quitarse o pano que seguen a ter nos ollos”.

Xunto a isto alertan da restrición de liberdades “a través dos medios de comunicación que teñen baixo o seu control, algúns deles públicos”; da restrición de dereitos sociais a través de leis e ‘decretazos’ e, o que é máis grave, de recorren ao uso da forza, “tratando de calar o descontento e o dereito a manifestalo por medios represivos a través dos corpos policiais, tanto de carácter estatal, como local, poñéndoos ao seu servizo e non ao da cidadanía”.

En concreto, a CIG de Ferrol denuncia que os acontecementos da noite de comezo de campaña son un claro exemplo da desproporción das actuacións na rúa, ao igual que o tratamento do que un dos Portavoces Comarcais foi obxecto na comisaría mentres permaneceu incomunicado. “Isto xa está denunciado e agardamos a que se faga xustiza e se depuren as responsabilidades que correspondan, primeiro polas autoridades xudiciais e, logo, polos/as responsábeis políticos/as”.

cig.prensa@galizacig.com