Os problemas á hora de cobrar remóntanse ao pasado abril, polo que o comité decidiu comezar as mobilizacións para alertar sobre un previsíbel empeoramento da situación. De feito, a estas alturas de mes os empregados/as aínda non percibiron o seu salario.
O temor a que as cousas vaian a peor fundaméntase no feito de que o máximo accionista da empresa, José María Prados, é propietario doutra firma de seguridade, Esabe, que adebeda seis meses de soldo os seus traballadores/as e nestas momentos atópase en suspensión de pago e a piques de desaparecer.
Dende o comité de empresa (CIG, CCOO e UGT) explican que o 80% dos servizos que prestan estas compañías son para Administración galega, “que segue a pagarlles como se non pasara nada”. Neste senso, critican que continúen a optar a contratos públicos a pesar dos numerosos incumprimentos en materia laboral (convenio, impago de salarios, atrasos no pago de nóminas...) e das débedas pendentes coa Seguridade Laboral. “O propio xerente de Sequor recoñece nunha xuntanza que lle deben tres millóns de euros”, sosteñen.
Ao mesmo tempo, denuncian que a compañía ten na casa a nove empregados/as da provincia de Pontevedra "poque non ten onde ubicalos" e continúa a pagarlles o salario porque segue a recibir cartos da Xunta por un servizo que non prestan. "O que están a facer é expoliar cartos públicos", alertan.
Diante disto, decidiron comezar un calendario de mobilizacións que na súa primeira fase inclúe concentracións diante de empresas que teñen contratados os servizos de Seqour, como o caso de Ence en Pontevedra, para que “opten por outras compañías que si respectan o convenio e lle pagan os seus traballadores/as”. As protestas poderían incluír nos próximos días peches nos edificios públicos nos que Sequor presta servizo.