Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 9/11/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
O secretario comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, dirixiuse aos participantes na manifestación ao remate da mesma.

Traballadores/as e veciños/as maniféstanse en Outeiro de Rei para exixir solucións á fábrica de Pascual

Unhas 1.000 persoas cortaron as rúas do Concello e reclamaron á Xunta apoio ao proxecto das cooperativas galegas
Os traballadores e as traballadoras de Pascual continuaron co calendario de mobilizacións o pasado sábado 7 de novembro. Desta volta, desenvolveron unha manifestación polas rúas do concello de Outeiro de Rei na que participaron unhas 1.000 persoas que exixiron á Xunta unha solución ao conflito que evite o peche da factoría e a perda dos postos de traballo, así como información clara sobre os proxectos presentados polas empresas interesadas en adquirir a factoría.

A pesar da abundante chuvia, os traballadores e traballadoras de Pascual, acompañados por veciños/as e delegados/as sindicais non deixaron de berrar consignas instando á Xunta a dar unha solución ao conflito e deixaron claro que non se renderán até que se dea unha solución que evite o peche da factoría.

Unha vez rematada a manifestación na praza do concello de Outeiro de Rei, que transcorreu ao longo da N-VI durante 1 Km., o Secretario Comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, foi o encargado de tomar a palabra. Ferreiro, quen se pronunciou en nome do conxunto de traballadores e traballadoras,  agradeceu a presenza de todas as persoas que participaron na marcha e teñen amosado a súa solidariedade co persoal de Pascual.

Consecuencias para a comarca

Na súa intervención, instou os presentes a mobilizarse activamente durante os próximos días para evitar o peche da planta de Leche Pascual, tanto polas consecuencias que terá para as persoas que perdan o seu traballo como para o conxunto da comarca, “a cal sen un tecido industrial consistente e co sector agrario en total crise, estaría abocada a converterse nun deserto económico”.

O secretario comarcal da CIG de Lugo destacou a presenza de personalidades na manifestación (como o alcalde e concelleiros do PP de Outeiro de Rei e o Vicepresidente da Deputación de Lugo, xunto con concelleiros de toda a comarca do BNG), para que así “se notasen as ausencias”. Tamén manifestou que “o nacionalismo, concretamente o sindicalismo nacionalista sempre está até o final cos traballadores e traballadoras, que non abandona nunca o barco cando as cousas parecen ir mal, como fan as "ratas". En todo caso, aguantamos até o remate e, se hai que afundirse, afundímonos coa nosa xente”, afirmou.

Continuar coa loita

Durante a súa intervención, Ferreiro animou aos presentes a continuar coa loita na defensa do emprego na comarca. “As únicas batallas que realmente se perden son as que non se pelexan até o final” aseverou, e convidou á cidadanía de Outeiro de Rei a acompañar aos compañeiros e compañeiras a partir do vindeiro mércores no peche indefinido que van comezan e que non rematará “até que haxa unha solución para a factoría por parte da Xunta de Galiza”.

Apoio ao proxecto das cooperativas

Neste senso, o secretario comarcal da CIG insistiu en demandar á Xunta que se aclare e que lle dea o aval necesario ao proxecto presentado polas cooperativas galegas, así como que explique, de ser certo o informe do IGAPE que di que non é viábel, cal é a razón pola que non se fai público ese informe para poder rebatelo. “Que hai agochado detrás desta postura da Xunta de Galicia? Ten algo que ver que Tomás Pascual e outros empresarios do sector lácteo foron abrazar ao señor Feijoo cando tomou posesións como presidentes de Xunta? E definitiva, tal e como cantaban os traballadores durante a manifestación: “Algo cheira mal en Leche Pascual"”, sentenciou.

cig.prensa@galizacig.com