Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 9/11/2011
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O PP achanda o camiño para privatizar a Sanidade Pública introducindo o cobro polo ‘uso irresponsábel’

CIG-Saúde denuncia que as medidas impostas -sen debate, nin publicidade- reducen prestacións e dereitos, laminando a equidade e universalidade do sistema
Redúcense os orzamentos destinados á sanidade pública, o persoal, servizos -pola vía da externalización-, desvíanse doentes á sanidade privada, elimínanse camas, paralízanse as actividades de tarde, incremétanse as listas de espera, recórtanse os dereitos á protección da saúde e á atención sanitaria ás persoas sen recursos e agora, ademais, o Sergas anuncia que cobrará polo que denominan “uso irresponsáble” da sanidade, sen especificar quen vai decidir cando se está a facer un uso irresponsábel e en base a que criterios.

Non se debate, apenas se publicita e sempre que se pode, elúdese o trámite parlamentario. Así actúa, segundo denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde o Partido Popular. “O seu obxectivo é privatizar a sanidade pública. Para iso, vai introducindo -vía decreto, instrucións, protocolos ou aproveitando a lei de orzamentos- as súas medidas. Nada dixeron do modelo sanitario que defenden cando se presentaron ás eleccións autonómicas, como tampouco o explican agora, para as xerais”.

Para a CIG-Saúde o camiño téñeno trazado e a cada nova decisión que adoptan achéganse máis a medidas como o co-pago ou a privatización pura e dura. Na consecución dese fin, van reducindo prestacións e dereitos “laminando a equidade e a universalidade dun servizo público esencial”.

 

Para iso, di Abuín, “disfrazan como austeridade o que non son máis que recortes, porque non se atreven a facelo públicamente”. E os recortes son xa tan graves no SERGAS que a secretaria nacional de CIG-Saúde afirma que, en conxunto, “son máis graves que os aplicados en Catalunya, coa diferenza de que aquí só se publicita o que interesa á consellaría”.

 

A última idea do PP é introducir a posibilidade de cobrar aos doentes cando se considere que estes fixeron un ‘uso iresponsábel’ do sistema sanitario. A nova coincide coa publicación, no DOG do 8 de novembro do Decreto 209/2011, do 27 de outubro, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias, “aplicables aos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias, a pacientes que non sexan beneficiarios da Seguridade Social, así como naqueles casos en que, sendo beneficiarios, exista un terceiro obrigado ao pagamento que deba asumir o gasto sanitario”.

 

Persoas sen recursos económicos suficientes (PRIVADOS)

A CIG-Saúde denunciou, hai apenas un par de semanas que vía Orde, o 5 de setembro de 2011, o SERGAS tamén actualizaba o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes (PSR) e das persoas que se atopan en situación de desemprego (Código 29). Un protocolo no que se deixa ás persoas sen recursos que solicitan a tarxenta sanitaria sen dereito a ter médico asignado, a poder ser citados e a ter prestación farmacéutica. Persoas que pasan a ser clasificadas como PRIVADOS e ás que o único que se lles recoñece é o dereito á asistencia de urxencia e emerxencia.

 

A estas persoas, denominadas polo sistema como PSR, faiselles asinar un compromiso de pago da asistencia realizada. Agora que as “tarifas” están actualizadas e publicadas vía DOG, unha persoa sen recursos tería que abonar, por un trasplante de fígado, por exemplo, máis de 110.000 euros!!.

 

Estamos, di Abuín, ante unha gravísima vulneración do dereito universal á prestación sanitaria e da nosa propia lexislación que di que “o dereito á protección da saúde e á atención sanitaria con cargo a fondos públicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galiza e de cobertura universal garánteselles a todas as persoas que residan nos concellos desta comunidade autónoma”. (Art. 4º, Lei 8/2008 de Saúde de Galiza).

 

Isto, xunto coa redución, este ano, en 16 millóns de euros dos orzamentos destinados á sanidade pública, mentres se incrementa o gasto en concertos sanitarios co sector privado, que pasa de 204 a 207 millóns de euros, leva á CIG-Saúde a concluír que o que pretende o PP é desmantelar o sistema.

 

A federación de Saúde da CIG vén alertando desta situación desde a chegada do PP ao goberno,  denunciando a entrada da inciativa privada no sector sanitario; a paralización de plans comprometidos, asinados e orzamentados; a redución das partidas destinadas a drogodependencias, a saúde mental... dificultando “a prestación dunha sanidade pública e de calidade” e utilizando a ‘austeridade’ como xustificación para “cargarse os alicerces desta sociedade, que son a Sanidade e o Ensino”.
cig.prensa@galizacig.com