Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 9/12/2008
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O Voluntariado de Activación Lingüística impulsado pola Mesa recibe unha axuda de 400.000 euros da Unión Europea

O programa para a aprendizaxe do galego é a actividade central dun proxecto entre Galiza, Frisia, Francia e Grecia
O programa de Voluntariado de Activación Lingüística (VAL), impulsado pola Mesa pola Normalización Lingüística e que desde o comezo contou coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, acaba de recibir un forte impulso por parte da Unión Europea. Recoñecido agora como un referente a nivel continental, o voluntariado da lingua galega é a actividade central do proxecto denominado Volangteer-Learning Regional Lenguages through Volunteers, que se desenvolverá até 2010, no cal colaboran tamén representantes de Frisia, Francia e Grecia e que conta cunha axuda de 400.000 euros por parte da Unión Europea. 

O 9 de decembro produciuse en Santiago un encontro de traballo entre todos os socios europeos que desenvolverán conxuntamente esta iniciativa, que nesta colaboración entre diferentes países de Europa, como Galiza e Frisia, está considerada como un proxecto inicial que posteriormente se estenda a outras linguas. Tanto desde a Vicepresidencia da Xunta como desde A Mesa se valorou con satisfacción este importante recoñecemento.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, valorou a importancia da colaboración entre “o movemento social en defensa do galego e os poderes públicos para conseguirmos adiantos no proceso de revitalización e extensión social do idioma propio de Galiza”. “O galego é un tesouro para compartirmos e un dereito, tamén un dereito de integración”, afirmou. Salientou ademais que desde que se puxo en marcha o VAL xa superaron con creces os 1.000 participantes.

Tamén estivo na xornada o vice reitor da USC, Lourenzo Fernández Prieto, quen afirmou que este proxecto suporá para a USC a consolidación do programa de acompañamento lingüístico de estudantes xurdido do VAL, converténdose así nun referente en Europa. Neste punto, salientou o éxito do programa de voluntariado no marco da universidade, que neste segundo ano de funcionamento duplicou xa o número de estudantes participantes, pasando de 300 no curso 2007-2008 a 600 no presente curso académico, a metade do total de estudantes de intercambio rexistrados.

Voluntariado da lingua

Poderán acollerse ás vantaxes deste programa tanto os estudantes de intercambio como os novos galegos e as novas galegas (inmigrantes ou emigrantes retornados) ou aquelas persoas provenientes de fóra de Galiza mais que desexen pasar un tempo no noso país e coñecer a súa lingua e cultura.

Así, ao longo de 10 meses entre os anos 2009 e 2010, emparellaranse as persoas destinatarias do proxecto con outras tantas persoas maiores de 18 anos, que saiban falar en galego e que voluntariamente, durante os ditos meses, manteñan un encontro semanal, no seu tempo de lecer, para colaborar co proxecto.

Nas sucesivas sesións, as parellas reuniranse para charlar de diversos temas, segundo os seus intereses (cultura, deporte, gastronomía...), así como tomar parte de distintas actividades tales como ir ao teatro, a un evento deportivo, unha feira gastronómica. Tratarase, en definitiva, de empregar unha aprendizaxe non formal que fomente o interese pola lingua e a súa aprendizaxe, facilitando deste xeito a integración e o intercambio de experiencias, coñecementos e valores.

cig.prensa@galizacig.com