Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 9/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG considera que o preacordo de conxelación salarial asinado por CCOO, UGT, CEOE e CEPIME é claramente negativo

Considera que os sindicatos estatais préganse ás teses da patronal malia estar demostrado que a redución dos salarios non mellora a creación de emprego
CCOO, UGT e as patronais CEOE e CEPIME veñen de asinar un preacordo estatal de negociación colectiva cunha vixencia de tres anos que supón, na práctica, a conxelación dos salarios dos traballadores e traballadoras afectados. O preacordo prevé un incremento salarial cun tope do 1% para o 2010, de entre o 1 e o 2% para 2011 e de entre o 1,5 e o 2,5% para 2012, cunha clásula de revisión salarial ao remate do período. A CIG entende que este preacordo é “claramente negativo”, que se impuxeron as teses da patronal e que transcorridos os tres anos tampouco se aplicarán as cláusulas de revisión salarial.
Baixo o lema “Salarios dignos contra a carestía da vida” percorreron as rúas de Compostela preto de 2.000 delegados e delegadas da CIG desde a Alameda até a Praza de Praterías, que se quedou pequena para acoller a todas e todos os asistentes. (Fotos: ©galizacig.com 21/02/2008).

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, vén de facer unha primeira valoración do preacordo asinado por CCOO, UGT, CEOE e CEPIME, tras coñecerse os aspectos máis salientábeis do mesmo.  Seixo afirma que é “claramente negativo” un acordo que implica a conxelación salarial e, en consecuencia a perda de poder adquisitivo dos salarios, e entende que se impuxeron “as teses da patronal”.

Fronte a isto, a CIG entende que para camiñar cara unha recuperación económica e saír da crise hai que comezar por mellorar as rendas do traballo. “Deste xeito podíase favorecer o consumo, a produtividade, e contribuír a dinamizar a economía. Xunto a isto, sería necesaria a posta en marcha de políticas que tiña que aplicar o goberno e que tampouco o está facendo”.

Cláusulas de revisión salarial

O secretario xeral da CIG sinala ademais que é moi posíbel que na práctica os incrementos salariais estean por debaixo do IPC real e advirte que, por moito que intenten adornala dicindo que ao final do período dos tres anos funcionará unha cláusula de revisión salarial para que os traballadores e traballadoras poidan recuperar o poder adquisitivo perdido “eles saben que é de difícil aplicación”.

Neste sentido, Seixo explica que a experiencia di que as cláusulas de revisión salarial “non se cumpren, nin sequera para as que se actualizan ano a ano. Hai serias dificultades porque os traballadores que teñen contratos temporais é moi difícil que as exixan e mesmo é complicado para os traballadores con contratos indefinidos”.

Moderación salarial

Suso Seixo denuncia ademais que se recorre novamente ás políticas de moderación salarial como coartada para incrementar os beneficios empresariais sob pretexto de que así se vai crear máis emprego. “Non foi así nin nas épocas de crecementos económicos importantes porque moitos dos beneficios que obtiveron as empresas, no canto de investilos en novas tecnoloxías ou en fomentar a formación dos traballadores/as, foron parar aos circuítos financeiros e especularon con eles porque obtiñan bastante máis beneficio”.

Para o secretario xeral da CIG está é precisamente unha das causas que teñen provocado a situación de crise económica que estamos padecendo. “Optouse pola economía especulativa en detrimento da economía produtiva”, explica.

A CIG lamenta que CCOO e UGT accedan a favorecer os intereses da patronal e lembra que durante o ano 2009 non se aplicou ningún acordo estatal de negociación colectiva que fixara topes de incremento salarial, o que permitiu que se acordaran incrementos dos máis importantes dos últimos anos e que se recuperara parte do poder adquisitivo dos salarios perdido.

Para o secretario xeral da CIG estes acordos teñen entre os obxectivos neutralizar e controlar a contestación social, evitando que as traballadoras e traballadores se mobilicen para reivindicar mellores condicións salariais.

cig.prensa@galizacig.com