marco
Compostela, 9/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG denuncia a supresión das axudas aos intercambios escolares co estranxeiro

Constátase así que os idiomas estranxeiros eran unha escusa para reducir a presenza do galego nos centros
A CIG-Ensino vai levar á Mesa Sectorial docente non Universitaria, que se realizará este mércores día 10, unha pregunta sobre a supresión das axudas para os intercambios escolares co estranxeiro. Segundo denuncia o profesorado dos centros afectados, a Consellaría de Educación non publicou, a día de hoxe, as axudas para intercambios escolares co estranxeiro que se veñen realizando desde hai moitos anos e a algúns deles xa os informou de que estas axudas foron suprimidas. A supresión afectaría a máis de 100 centros que anualmente veñen solicitando estas achegas.

Neste momento, moitos centros teñen xa realizados os preparativos da viaxe, o que inclúe basicamente gastos de desprazamento e, ao non ter noticia das axudas, dirixíronse á Consellaría onde se lles contestou telefonicamente que esas axudas foran suprimidas. Os centros denuncian, ademais, as dificultades para contactar co departamento responsábel, mais nas últimas horas sae sistematicamente un contestador

Esta actitude da Administración pon de relevo novamente a súa irresponsabilidade, pois adopta unilateralmente unha decisión que prexudica os centros sen lles comunicar estes cambios en ningún momento. Por outro lado, é un novo desprezo cara ao profesorado ao facer irrealizábeis proxectos de intercambio desenvolvidos con moito esforzo e que se veñen facendo desde hai moitos anos, nalgún caso co recoñecemento de premios á actividade.

Esta actitude da Consellaría evidencia o verdadeiro talante desta Administración, pois con esta supresión ponse de manifesto que non lle interesa a formación en idiomas estranxeiros, entrando en contradición co que pretenderon demostrar con motivo da presentación do Decretazo. Esta supresión antipedagóxica pon ás claras, como xa denunciou a CIG no seu día, que os idiomas estranxeiros eran unha escusa para reducir a presenza do galego nos centros.

A CIG-Ensino esixirá na Mesa Sectorial a convocatoria urxente destas axudas e a cobertura dos gastos xa realizados polos centros, así como o mantemento deste tipo de axudas.