A Inspección de Traballo de Ourense, determinou que o pechamento unilateral do forno de fusión da fábrica se realizou contravindo a normativa de seguranza e saúde laboral vixente na materia, así como o dereito dos traballadores/as a seren informados.
A Inspección tamén determinou que a Dirección da vidreira provocou que todo o cadro de persoal se atope sen ocupación efectiva, como consecuencia da paralización unilateral do forno de fusión e, nese sentido, declarou a ilicitude de tal situación.
Incumprimentos graves
A respecto da obriga de tornar en indefinidos a 17 traballadores de ETTs, obriga incumprida por parte da dirección da empresa, a autoridade laboral estableceu que debe ser cualificada como un incumprimento grave en materia de relacións laborais.
De igual xeito, determinou que a falta de cotización das horas extraordinarias realizadas polos traballadores e traballadoras da vidreira debe dar lugar á imposición dunha sanción á citada empresa.
A Inspección de Traballo concluíu que o accidente sufrido nun ollo por unha traballadora produciuse como consecuencia da falta de dilixencia empresarial, en materia de prevención de riscos laborais.
Represalia aos traballadores/as
Así as cousas, para o responsábel da CIG-Verín, Anxo García Torres, a Inspección de Traballo vén confirmar todas as denuncias presentadas pola CIG e polo Comité de Empresa, corroborando que o concurso de acredores, simplemente, agachou a intención patronal de represaliar aos traballadores e traballadoras por exercer os seus dereitos de negociación colectiva e liberdade sindical, tal e como ten multidenunciado a CIG e o Comité.
Durante a xornada do martes serán postas en coñecemento do Xulgado do Mercantil de Ourense, as decisións da ITSS relativas á declaración de ilegalidade da paralización do forno de fusión, así como á constatación da situación de falta de ocupación efectiva dos traballadores e traballadoras; a efectos de que dito órgano xurisdicional dispoña dos elementos de convición apropriados para, dunha vez, pronunciarse sobre a materia e declarar a ilegalidae e culpabilidade do concurso de acredores, así como a nulidade do ERE formulado pola empresa.
“Dende a CIG consideramos que se impón, urxentemente, que o Xulgado do Mercantil se pronuncie nos termos requiridos e, asemade, declare a extensión da responsabilidade ao Grupo BA Vidrio, S.A., co gallo de evitar que os traballadores e acredores/as sigan pendentes de accións dese grupo dirixidas a prexudicar os seus intereses”, reclama García Torres.