marco
A Coruña, 9/2/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Dina Lema, delegada da CIG en Sykes, e Óscar Calvo, responsábel de CIG-Banca en A Coruña.

Comezan as mobilizacións en SYKES contra os despedimentos masivos e a deslocalización da empresa

A multinacional ten intención de despedir a máis de 300 traballadores/as do centro de A Coruña
Traballadores e traballadoras de Sykes Enterprises secundaron os paros e concentracións convocadas pola CIG para este martes en contra dos despedimentos masivos previsto pola multinacional, co obxectivo de deslocalizarse. As mobilizacións terán continuidade até que a empresa desista nas súas intencións de despedir a 300 persoas (a metade do actual cadro de persoal) e retome as negociacións para acadar un plano que garanta a continuidade do emprego no centro de A Coruña.

Pouco antes das doce do mediodía comezaban a saír os traballadores e traballadoras de Sykes Enterprises, empresa de telemárketing asentada no Polígono de Agrela, para participar no paro de media hora e na concentración convocada pola CIG en contra das intencións da multinacional de proceder ao despedimento da metade do cadro de persoal. A imaxe repetíase pola tarde, entre as seis e as seis e media da tarde, coincidindo coa segunda quenda de traballo; aínda que nesta segunda concentración se rexistrou unha maior participación.

A medida de protesta adoptouse diante da ruptura das negociacións decretada de xeito unilateral pola empresa e co obxecto de promover un Plano de Emprego e de Futuro que permita manter o actual cadro de persoal, uns 600 traballadores/as. Hai unhas semanas Sykes Enterprises anunciou a súa intención de proceder ao despedimento de 308 persoas, a metade do actual cadro de persoal.

Deslocalización dos servizos

Sykes Enterprises comunicou o inicio de despedimentos masivos como resposta a unha suposta baixada na contratación dos servizos de atención telefónica que presta a Vodafone, despedimentos que pretende amortizar dun xeito barato mediante baixas incentivadas e que afectarían a 128 persoas. A maiores, a multinacional anunciou o peche do servizo 1004 de Telefónica, que suporía o despedimento doutras 180 persoas.  

Dina Lema, delegada de persoal da CIG en Sykes, denunciou que estamos diante dunha deslocalización clara, iniciada por Telefónica e á que agora lle vai seguir Vodafone. Lema criticou o mutismo que se mantén dende a empresa, pois non teñen comunicado aos traballadores/as cales son as intencións da dirección a respecto do futuro do centro de A Coruña e “ninguén nos informou se se van traer outras campañas”.

Neste senso, o responsábel de CIG-Banca en A Coruña, Óscar Calvo, apuntou que Vodafone acaba de enviar catro arquivos con datos persoais de clientes e posíbeis clientes a Perú, Colombia ou Uruguai, dende onde se ofrecerán os servizos de atención telefónica. A este respecto fixo un chamamento a Axencia Española de Protección de Datos para que regule e poña fin a este tipo de manobras das empresas que sen claridade nin información levan datos sensíbeis a terceiros países.

Despedimento colectivo

Para a CIG queda patente que nos atopamos diante dun despedimento colectivo para facilitar a deslocalización do centro de traballo, discriminando, ademais, os/as afectados/as polo peche do servizo 1004 dos traballadores/as de Vodafone. Por este motivo, dende a central esixiuse á Sykes que presente a documentación precisa para a negociación transparente dun ERE destas características. Non obstante, a resposta da empresa limitouse á ruptura unilateral das mesas de negociación.

A CIG advirte que non vai tolerar ningún despedimento en Sykes e levara a cabo todas as mobilizacións que sexan precisas para garantir a continuidade do emprego. Así mesmo, a CIG esixe a actuación inmediata da Xunta de Galiza diante deste novo abuso.

Pregunta no Congreso

A respecto da seguridade dos datos persoais manexados polas empresas, o BNG, a través do deputado Francisco Jorquera, vén de preguntar no Congreso pola decisión da Axencia estatal de Protección de Datos de autorizar a Vodafone a transferir os datos dos seus clientes a varios países de América Latina, para que poda deslocalizar así os servizos de atención ao cliente. Hai que lembrar que en Galiza estes servizos dan traballo a máis de 700 persoas distribuídos en Sykes, Unísono e Bosch (estas dúas situadas en Vigo), empregos que agora perigan.

O deputado nacionalista lembra no seu escrito que a autorización da AEPD é o primeiro paso para deslocalizar os servizos a países con man de obra máis barata, logo de se embolsar “cuantiosas axudas públicas por instalárense previamente no Estado español”. Por iso, tamén reclamou un cambio urxente na lexislación para que sexa obrigatorio que as empresas conten coa autorización expresa dos/as clientes cando se produza transferencias de datos a terceiros países.

Continuidade das mobilizacións

As accións de protesta continuarán nos vindeiros días. De feito, a CIG xa ten convocados novos paros e concentracións para o luns 15 e para o martes 23 de febreiro, que afectarán ás dúas quendas de traballo.