O persoal da Cruz Vermella concentrouse o venres 5 de febreiro diante dun hotel da cidade de Vigo onde o Presidente da Xunta Alberto Núñez Feijoo participaba nun acto sobre a fusión das caixas, para protestar polo peche do centro sanitario e a retirada de axudas por parte do goberno privatizador do PP.
Na concentración participou un número importande de delegados e delegadas da CIG-Saúde en apoio das traballadoras e traballadores.
Deixan sen atención á cidadanía
As traballadoras e traballadores do hospital da Cruz Vermella de Vigo aseguran que a institución vai pechar este centro sanitario en Vigo, deixando a 70 persoas na rúa, primando os resultados económicos sobre a atención ao cidadán.
O ano pasado enviáronse a Madrid 154.000 euros destinados a un fondo de cooperación, cantidade que axudaría a sufragar as perdas económicas que alegan.
De momento xa trasladaron a 14 enfermos a outros centros, quedando 56 que en canto sexan trasladados se porá o candado definitivo ao centro.
Os traslados e as súas consecuencias
A dirección do centro ten a intención de trasladar aos enfermos a centros de Oviedo, Lugo, Marín ou Pontevedra co conseguinte trastorno para familiares e empeoramento da saúde para os enfermos.
Desconfianza das contas
A CIG-Saúde desconfía coas contas, todos os anos Cruz Vermella enviou a Madrid parte dos fondos obtidos en Vigo, onde a vía de ingresos principal é o concerto co Sergas.
Concentración diante da reunión con Cruz Roja de Madrid
O 8 de febreiro o persoal manifestouse diante do centro a partir da 14:30h en protesta polo peche.
Pola tarde o comité sindical reuniuse cos representantes da institución para saber os plans do futuro mais inmediato e os puntos da negociación sobre o conflito.
Antonio Iglesias, secretario comarcal da CIG-Saúde, salientou que o hospital da Cruz Vermella supón un alivio para a carga de traballo que teñen as unidades de agudos do resto de hospitais da cidade.
Máis mobilizacións
As traballadoras e traballadores recollerán sinaturas contra este peche o xoves en Príncipe, Calvario e Travesas, o venres 12 de febreiro concentraranse diante da delegación da Xunta en Vigo, e xa teñen previsto mobilizarse na terceira semana de febreiro en Compostela.
No plano político, pedirán un pleno extraordinario no Concello de Vigo e falarán cos partidos para que se aborde no Parlamento galego.