Xosé Lois Martín, secretario de Organización de CIG-Servizos explicou, ao remate da xuntanza co secretario xeral para o Deporte, que alén do conflito laboral puxeron sobre a mesa o conflito social que está a xerar a negativa da patronal a negociar un convenio que permita mellorar as condicións laborais e salariais da traballadoras e traballadores das instalacións deportivas afectadas por esta folga.
Martín lembrou que neste intre, máis de 100.000 usuarios non poden facer uso dunhas instalacións que “pagamos todos” e fixo especial fincapé nos equipos deportivos dos rapaces, que tampouco poden continuar coas súas competicións por mor da actitude da patronal.
Porén, considerou positivo que o secretario xeral para o Deporte amosara sensibilidade co problema social que está a provocar esta folga e que se comprometera a facer xestións para que tanto a consellaría de Traballo como o Consello Galego de Relacións Laborais interveñan e medien entre a patronal e os traballadores para que as empresas do sector se aveñan a negociar.
Presenza policial
A presenza policial era máis que visíbel ao redor das instalacións do Estadio de San Lázaro, onde está ubicada a Secretaría Xeral para o Deporte. Os traballadores e traballadoras estiveron en todo momento vixiados por efectivos da policía nacional que tiñan orde de evitar -tal e como advertiron ao inicio da protesta, con carga incluída, se o consideraban necesario- que entraran nas dependencias da Secretaría ou que se manifestaran, unha vez rematada a concentración, polas rúas de Compostela.