Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 9/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG rexeita a detención ilegal do secretario comarcal da Federación de Servizos e a identificación de varios delegados/as

O Secretario nacional de Servizos, Paulo Rubido, tamén foi identificado por “ser susceptíbel” de ter cometido algún delito
A CIG amosa a súa máis enérxica repulsa á detención ilegal do Secretario comarcal da CIG-Servizos de A Coruña, Salvador Cerqueiro, quen na tarde deste martes foi conducido á Xefatura Superior de Policía, retido e fichado, sen que en ningún momento se lle explicasen as razóns de tal actuación. Así mesmo, a policía procedeu á identificación de dous delegados desta central que participaban nunha concentración diante da Xefatura, mentres que ao Secretario Nacional da Federación tomáronselle os datos por ser “susceptíbel” de ter cometido algún acto delituoso. A CIG denuncia este violación dos dereitos fundamentais e á persecución a que está sendo sometida a central sindical.
O Secretario comarcal da CIG-Servizos de A Coruña dirixíndose aos medios logo de saír da xefatura de policía.

Os feitos iniciáronse onte cunha chamada da policía ao secretario comarcal da CIG-Servizos para solicitarlle que acudira á comisaría durante a tarde do martes, aínda que sen aclarar os motivos de tal citación. Cando esta tarde Salvador Cerqueira comunicou que non acudiría á citación porque tiña unha reunión nunha empresa, “non pasaran nin cinco minutos cando apareceu unha parella de axentes na porta da miña casa para levarme á comisaría”. Non obstante, os axentes non comunicaron ao afectado en ningún momento os motivos da detención, sinalando soamente que esta acción tiñan a ver co conflito nas instalacións deportivas, procedendo á apertura dunha ficha de identificación, así como á súa retención durante máis dunha hora. 

Diante destes feitos inxustificados, delegados e delegadas da CIG e de instalacións deportivas comezaban a concentrarse ante a Xefatura da policía para amosar a repulsa pola detención ilegal de Cerqueiro.“Condenamos enerxicamente esta violación dos dereitos fundamentais, que teñen como fin represaliar e  criminalizar a loita exemplar que realizaron os traballadores e as traballadoras de instalacións deportivas”, apuntaba o Secretario comarcal da CIG de A Coruña, Paulo Carril. “O PSOE pretende rivalizar co PP nunha carreira desenfreada por ver quen é máis neofranquista á hora de reprimir ás loitas obreiras; loitas ademais do éxito que tivo o conflito de instalacións deportivas, da que agora os traballadores e traballadoras comezan a sufrir a represión, significando especialmente á CIG nesta criminalización”, denunciou.

Neste senso, cabe lembrar que a detención do secretario comarcal da CIG-Servizos prodúcese horas despois do acordo entre patronal e sindicatos e da suspensión da folga indefinida. “Resulta incomprensíbel e inconcibíbel esta actuación ilegal, sen aclarar os motivos da detención”, criticou Carril.

Pouco despois da saída de Cerqueiro da Xefatura, a policía chamaba a dous delegados sindicais que participaban na concentración de repulsa á detención do responsábel de Servizos, para identificalos en relacións a feitos acontecidos durante a folga de instalacións deportivas, comunicándolle que serán chamados polo xulgado. Así mesmo, o Secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, tamén foi identificado de xeito “preventivo”.

Dende a central denúnciase esta persecución e represión contra a CIG como sindicato que de forma máis combativa estivo cos traballadores/as durante o tempo que durou o conflito e a criminalización dos traballadores e traballadoras que loitan na defensa dos seus dereitos. Así mesmo, anunciouse que se tomarán todas as medidas oportunas contra este tipo de atropelos inxustificábeis. 

 

cig.prensa@galizacig.com