Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 9/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir
Antes de comezar o xantar o secretario xeral da CIG fixo entrega dun agasallo ao histórico sindicalista Alfonso Tellado.
A CIG fixo entrega dun agasallo á familia de Xosé Díaz Pernas, finado o pasado ano, en recoñecemento á súa entrega á central sindical.
A familia do compañeiro Fernando Pol, finado o pasado ano, recibiu de mans do secretario xeral da CIG, Suso Seixo, un agasallo pola súa entrega e o seu contributo ao medre da  central sindical.
Xabier Díaz e Guillerme Fernández puxeron a nota musical coa súa actuación en directo.

A loita pola defensa dos postos de traballo en ‘Caramelo’ recibe o Premio do Día da Clase Obreira Galega

A CIG denuncia que se están a aplicar políticas neoliberais coas que se pretende que a crise a pague a clase traballadora

A Confederación Intersindical Galega celebrou este mediodía, a cuarta edición do Premio do Día da Clase Obreira Galega. Un acto de confraternidade no decurso do cal a central sindical recoñeceu ás traballadoras e traballadores de Caramelo, que protagonizaron o conflito que máis sobresaíu no ano 2009, polo seu exemplo como loita sindical na defensa dos postos de traballo, na defensa dos seus dereitos como clase e na defensa da súa dignidade. Unha loita que a CIG agarda que sirva como exemplo para o futuro.

O encargado de entregar o Premio do Día da Clase Obreira Galega foi o secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, quen na súa intervención salientou que o obxectivo desta distinción é destacar a alta conflitividade vinculada á defensa do posto de traballo ou á mellora das condicións laborais.

Neste sentido explicou que existe “un conflito permanente entre o capital e a clase traballadora polo reparto de plusvalía”, que no “fondo é unha loita polo poder” e que do que se trata con este premio é de “pór en valor o esforzo e o compromiso coa loita sindical de moitos traballadores e traballadoras, independentemente do resultado desas loitas”.

Por iso, desta volta, o Premio recaeu na loita das traballadoras de Caramelo. Unha empresa na que o seu maior accionista, Manuel Jove, presentou un Expediente de Regulación de Emprego para 237 traballadoras/es (a metade do cadro de persoal que a firma téxtil ten no Polígono da Grela, na Coruña). O ERE foi rexeitado pola Inspección de Traballo, coo tamén a pretensión da empresa de deslocalización da compañía cara outros países, a pesar do que a consellaría de Traballo obvia o ditame e dálle o visto bo á proposta da dirección da empresa de proseguir cos despedimentos. Fronte este posicionamento atopáronse cunha oposición rotunda por parte das traballadoras, que loitaron até o final para defender os seus postos de traballo.

Situación de crise

O secretario xeral da CIG lembrou que nesta ocasión celébrase o Premio nunha situación económica e laboral “difícil” debido á crise económica. Situación que ten provocado un incremento do desemprego e o “recorte nas nosas condicións laborais”. Unha situación que se agrava aínda máis “pola falla de políticas por parte do poder para combater as causas reais da crise”, pola promoción de “políticas neoliberais que pretenden que a crise a pague a clase traballadora”.

Así fixo referencia á reforma laboral, ás pensións, ao recorte do gasto público, impostos indirectos... todas exemplo de medidas que atacan directamente á clase traballadora e que supoñen un recorte dos seus dereitos..

O secretario xeral da CIG tamén denunciou a colaboración de CCOO e UGT, por teren asinado o pacto de conxelación salarial estatal e polo seu papel desmobilizador da clase traballadora.

Por un cambio de modelo

Suso Seixo asegurou que esta situación “non é nada doada para os que defendemos un cambio de modelo” porque a “correlación de forzas non nos é favorábel. Hai todo un bloque de forzas políticas, sindicais e institucións que cren no neoliberalismo e aceitan, polo tanto, que quen dirixa as políticas económicas e laborais sexa o capital financeiro, unha vez máis”.

Malia todo reiterou a exixencia da CIG  doutro tipo de políticas e salientou a necesidade de que se abra un debate social, para o que “cómpre mobilizármonos na procura deses cambios estruturais e de modelo, coa esperanza de que en algún momento a correlación nos sexa favorábel”.

Mencións especiais

Alén do Premio, a central sindical fixo un especial recoñecemento a Alfonso Tellado -de quen se lembrou que mesmo participou nas mobilizacións que se produciron en Ferrol no ano 1972-  polo seu traballo e entrega.

Tamén recibiron un emotivo recoñecemento dous compañeiros falecidos no decurso de 2009, Xosé Díaz Pernas e Fernando Pol, que dedicaron a súa vida a traballar polo medre desta central sindical.

O acto rematou coa actuación musical de Xabier Díaz e Guillerme Fernández.

Galería de imaxes

cig.prensa@galizacig.com