Ás once da mañá comezaba a xornada para a Secretaria da Muller da CIG en Vigo, xaque tiña lugar no Concello de Vigo un pleno monográfico polo Dia Internacional da Muller Traballadora, convocado polo Consello Municipal da Muller, e no que distintas organizacións feministas deron a coñecer o seu traballo e as súas prioridades neste concello, e puxeron en común as súas inquedanzas.
Placer Vila, secretaria comarcal da Secretaria da Muller da CIG de Vigo, interveu neste Pleno, en nome da nosa central sindical, e realizou unha pequena introdución sobre a traxectoria do sindicalismo nacionalista na loita pola igualdade e a visibilización das demandas das mulleres traballadoras en distintos ámbitos como a saúde laboral, a negociación colectiva, entre outras cuestións, e en definitiva, a loita pola igualdade real tanto dentro da organización como nos centros de traballo e na sociedade.
Mobilización en solidariedade coas traballadoras da Cruz Vermella
Ás 12.30 da mañá delegadas e delegados da comarca de Vigo da CIG achegábanse até o hospital da Cruz Vermella en Vigo, situado na Rúa Cánovas del Castillo, onde estaba convocada unha concentración de apoio á loita contra o peche da hospital desta suposta ONG benéfica na cidade olívica, tanto pola destrución de 70 postos de traballo, asi como pola perda de atención sanitaria que suporía a perda de 69 camas.
María José Comesaña, delegada da CIG no Comité de Empresa da Cruz Vermella, daba conta nesta mobilización ante os medios de comunicación a situación terríbel que están a vivir co desmantelamento deste hospital antes de que se aprobe nin tan sequera o ERE de extinción, co peche de plantas traslado de mobiliario, e traslado de pacientes, ficando neste centro sanitario xa só 19 pacientes.
Ademais salientaba a difícil situación na que quedan estas traballadoras, pois moitas delas son xa maiores e levan máis de 30 anos na Cruz Vermella, e non todas son enfermeiras ou médicas, cunha maior saída laboral, xa que tamén hai limpadoras ou cociñeiras de avanzada idade, que teñen moi complicado encontrar traballo nestes momentos.
Demandan do Sergas implicación e informaron dunha nova reunión na xornada do 9 de marzo cos directivos da Cruz Vermella de Madrid, mais sen esperanzas, pola firme vontade de estes pechar o hospital da Cruz Vermella, sen atender a máis razóns, nin sociais nin laborais.
A Secretaria comarcal da Muller da CIG de Vigo explicou a razón desta convocatoria de apoio ás traballadoras da Cruz Vermella xa que "quere por de manifesto que cando se pechan centros sanitarios e de atención a persoas con poucos recursos e pacientes de longa duración a quen afecta en maior medida é tamén ás mulleres, coidadoras e que agora polos traslados fóra da área sanitaria de Vigo destes pacientes verán como a súa vida de novo se altera, xa que para visitar a súa familia terán que trasladarse ás residencias privadas a que están a ser trasladados/as, en Aldán, Lalín, Pontevedra, un caso en Lugo e mesmo a casas tuteladas. Estes traslados afectan tanto a vida das familias como a atención que van receber estes/as pacientes, que non disporán do mesmo trato nin terán as mesmas visitas, pola distancia das súas casas, o que pode ter consecuencias na súa saúde e na do seu entorno".
Por último, subliñou a correlación destes problemas concretos coa campaña da 8 de marzo deste ano que "reivindica o noso espazo como mulleres traballadoras e mulleres galegas".
Concentración na sede da patronal en A Coruña
Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, un centenar de delegadas e delegados da CIG de A Coruña concentráronse esta mañá diante da sede da Confederación de Empresarios e da delegación da Xunta, onde entregaron un escrito para denunciar a situación de precariedade que están a sufrir diariamente as mulleres na comarca, agravada neste contexto de crise, así como demandar a aplicación de medidas de igualdade que poñan remate á discriminación laboral e favorezan a conciliación.
No escrito, dirixido ao presidente da CEC, Antonio Fontenla, e á Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, sublíñase a loita que viñeron desenvolvendo no último ano as traballadoras do téxtil (lémbrese o caso de Caramelo), encabezando todo tipo de mobilizacións na cidade de A Coruña. Nun ano, ademais, no que a patronal se escudou na situación de crise socioeconómica "para levar a cabo innumerábeis Expedientes de Regulación de Emprego, coa complicidade do goberno da Xunta, un ano no que se precarizaron aínda máis as condicións nas que as mulleres desenvolven o seu traballo, onde moitas foron presionadas para forzalas a abandonar os seus postos, creando ambientes de traballo degradantes, intimidatorios e hostís, en moitos casos en castigo por facer exercicio do dereito á conciliación da vida familiar, persoal e laboral, por querer protexer a maternidade sen que sexa á costa de perder o posto de traballo, ou por ser a cabeza visíbel dunha loita sindical".
Previamente á concentración, a Secretaria Comarcal de Muller, Ana Fernández, comparecía en rolda de prensa, acompañada pola técnica da Secretaría da Muller da CIG, Sayaca Doldán, para presentar a campaña que a central está a desenvolver con motivo da conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Fernández Faia subliñou as especificidades do mercado laboral co que se atopan as mulleres traballadoras da comarca, onde o sector téxtil e do telemárketing, marcadamente feminizados, viñeron rexistrando unha continuada destrución de empregos, especialmente pola deslocalización das empresas. "Empresas como Sykes, que anuncia o despedimento de 450 persoas, Mafecco, Kina Fernández, son exemplos da precarización nas condicións laborais das mulleres na comarca da Coruña", sinalou.
A CIG concéntrase en Compostela en demanda da readmisión de Nélida Pisco
En Compostela, a concentración centrábase, fundamentalmente, na denuncia do caso da compañeira Nélida Pisco, conductora de autobús na empresa HEDEGASA (Autobuses de Calo) que tras sufrir case un ano de acoso laboral foi despedida polo grave delicto de ser nai e querer compatibilizar o seu traballo co coidado da súa filla.
Un ano no que tras negarse a abandonar "voluntariamente" o seu traballo sufriu discriminación laboral, presións inxustificábeis e represalias de todo tipo. Tivo que exixir nos xulgados a redución de xornada á que lle dá dereito a lei. Unha sentenza que a empresa nunca cumpriu manténdoa sen traballo efectivo, permanecendo no seu coche particular durante a xornada laboral, para derrotala animicamente. Finalmente, tal e como se explicou no propio acto,"non o conseguiron, pola forza que ten Neli na defensa da xustiza para ela e para a súa filla, e decidiron despedila".
Por iso, alén de denunciar este caso, Lucía Freire, encargada de ler o manifesto co que se pechou o acto preguntou "de que serven entón normas como a Lei de Igualdade efectiva entre Mulleres e Homes se non se garante a súa aplicación real nas empresas? De que parte está a Xunta de Galiza se mira para outro lado nun caso como este? Lembremos que hai máis dun mes que se lle ten solicitado unha reunión para explicarlles a situación desta empresa que traballa para o trasporte escolar en Teo e Ames por un convenio coa Consellería de Educación".
Freire reafirmou ademais o compromiso da CIG na loita pola igualdade e manifestou que "como sempre, mesmo moito antes daquel 8 de marzo de 1908, os cambios e a mudanzas sociais conquistáronse nas rúas co compromiso de mulleres e homes que como Nélida fan visíbel a inxustiza. Somos moitas e moitos os que hoxe exiximos, máis unha vez, que o 8 de marzo non sexa unha data baleira senón unha escusa para lembrar que seguen existindo os motivos que fixeron necesario marcar este día no calendario".