Baixo o lema “Polo mantemento do emprego en Sykes. Non aos despedimentos, non á deslocalización”, as traballadoras e os traballadores de Sykes marchaban esta mañá polas rúas de A Coruña até a delegación da Xunta en contra dos despedimentos masivos proxectados pola empresa, que afectarán a preto de catrocentas persoas. Durante todo o traxecto dende a sede de Sykes no Polígono de Agrela até o edificio administrativo de Monelos, o persoal non deixou de demostrar a súa disposición a loitar até o final na defensa dos seus empregos.
A marcha desenvolveuse coincidindo co paro de tres horas convocado na empresa. Neste ocasión, o Comité acordou desenvolver un único paro, mais ampliando o tempo para así poder desprazarse así até a administración. O martes da vindeira semana, repetirase o paro de tres horas, pero nesa ocasión na quenda de tarde (das 15 ás 18 horas), e está prevista unha manifestación até a Delegación do Goberno.
Unha empresa con beneficios
O responsábel comarcal da CIG-Banca explicou que na xuntanza do pasado xoves coa empresa, a CIG manifestou o seu total rexeitamento a este vaga de despedimentos, xa que entende que o ERE non cumpre os criterios mínimos esixidos pola lexislación con respecto as causas económicas alegadas. Calvo explica que na documentación do ERE Sykes separa as contas da empresa por centros de traballo (non adaptándose así aos criterios do Plan Xeral Contábel) e ademais, este “expediente non ten xustificación porque a empresa obtivo beneficios en 2008 e todo apunta a que tamén os tivo en 2009”.
Para a CIG-Banca, o caso de Sykes supón un novo proceso de deslocalización “pura e dura”, que, ademais, conta co beneplácito da administración, ao permitir que as empresas que teñen contratadas campañas con Sykes, como Vodafone e Telefónica, trasladen a terceiros países os arquivos de datos do seus clientes co único obxectivo de abaratar custos e obter maiores marxes de beneficios.
Por estas razón, a central esixiu a retirada de todos os despedimentos presentados pola empresa, tanto dos contratos por obra como para os traballadores/as indefinidos/as incluídos no expediente de regulación, e que se abran negociacións coa empresa a respecto de analizar a viabilidade dos centros de A Coruña e Lugo e o mantemento dos actuais cadros de persoal.
Neste senso, cabe lembrar que Sykes xa remitiu a todos os traballadores/as con contrato por obra a finalización do servizo, polo que a finais deste mes efectivizaranse xa no centro de A Coruña, os primeiros despedimentos masivos, que afectarán a 180 operarios/as.
Dende a CIG-Banca reiterouse o chamamento á Xunta de Galiza para que se implique neste conflito e evite a destrución de máis de catrocentos postos de traballo nas cidades de A Coruña e Lugo, que, nunha situación de crecente desemprego, suporán dun duro golpe para as economías de ambas comarcas. Neste senso, dende a central solicitouse á administración galega que rexeite o expediente de regulación de emprego e observe atentamente todas as actuacións da empresa a respecto do proceso de despedimento colectivo.