Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 9/3/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Suspéndese a folga de instalacións deportivas tras acadarse un preacordo entre sindicatos e patronal

Logo dunha maratoniana xuntanza de sete horas no Consello Galego de Relacións Laborais
A folga indefinida iniciada o pasado 1 de febreiro nas instalacións deportivas do País quedou suspendida na noite do luns tras chegar a un preacordo as organizacións sindicais e a patronal, que garante o cumprimento dos mínimos esixidos polos traballadores e as traballadoras a respecto das táboas salariais e as condicións “ad personam”. Así mesmo, o persoal que viña desenvolvendo unha acampada diante da sede dos empresarios en A Coruña levantou a medida de protesta pouco despois da medianoite.

Pasada a medianoite chegaba a noticia: sindicatos e patronal acadan un precordo para a redacción definitiva do convenio de instalacións deportivas. A nova, que chegaba tras unha maratoniana reunión de sete horas no Consello Galego de Relacións Laborais,  supuxo a suspensión inmediata da folga e o levantamento do campamento que os traballadores e traballadoras da provincia de A Coruña tiñan instalado diante da Confederación de Empresarios dende o pasado xoves. Deste xeito, o persoal regresará hoxe aos seus postos de traballo e as instalacións que permanecían pechadas por mor da folga volverán a súa actividade con normalidade.

Nunha primeira valoración do preacordo, Adolfo Naya, da CIG-Servizos, destacaba os aspectos positivos do documento, aínda que mantiña as súas reservas á espera do que aconteza na reunión do vindeiro martes, na que previsibelmente se poña fin ao proceso negociador. Non obstante, Naya subliñou a importancia de todo o proceso de loita desenvolvido nos últimos meses, así como a unión amosada entre o conxunto dos traballadores/as. “Estase construíndo un sector”, sentenciou.

As condicións do preacordo

No preacordo estabelécese que vixencia do convenio será até decembro de 2012 (tal e como demandaba a parte social), mentres que a xornada queda estabelecida en 39 horas en 2010 e para 2012  reducirase até as 38 horas.A respecto da distribución irregular da xornada, esta queda eliminada para os contratos inferiores a 30 horas semanais. En canto a Incapacidade Temporal, o preacordo recolle que se abonará o 85% a partir do cuarto día.

Nas táboas salariais, un dos puntos que máis lle custou asumir á patronal, finalmente acórdanse subas salariais do 7% para este ano e o seguinte, e do 10% para o 2012. No caso das garantías “ad personam”, estas estabeleceranse en tres bloques independentes: xornada, IT e condicións económicas.

Nestes último punto, aclárase que serán valoradas en cómputo anual e contrastadas coas que os traballadores e traballadoras tiveran con anterioridade, aplicándose en cada caso as máis beneficiosas no seu conxunto. Así, as cantidades por riba das táboas recollidas no convenio refundiranse nun único complemento cotizábel denominado “ad personam”, e garántese un incremento económico para cada un dos anos de vixencia do convenio que variará entre un 20 e un 45% da suba anual pactada para os resto do persoal.

cig.prensa@galizacig.com