Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 9/6/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

O persoal de Galfrío péchase na delegación da Xunta de Pontevedra en contra do ERE na empresa de Marín

A CIG-Mar critica que a administración non sexa quen de achegar alternativas ao peche da planta de elaborados
O persoal de Galfrío volveu protagonizar unha nova acción na mañá do martes 9 de xuño en contra do expediente de regulación na planta de elaborados de Marín e para reclamar á administración a busca de socios que se fagan cargo da planta de elaborados, permitindo deste xeito o mantemento dos postos de traballo. Desta volta pecháronse novamente na delegación da Xunta en Pontevedra onde o se lles comunicou que a administración non atopa alternativas para evitar o peche da fábrica.

Máis de 50 traballadores e traballadoras de Galfrío pecháronse na mañá do 9 de xuño nas dependencias da Xunta en Pontevedra para reclamar á administración que busque unha alternativa que permita evitar o peche da planta de elaborados de Marín e o conseguinte despedimento de 55 empregados/as.

O persoal estivo pechado durante varias horas, dende ás 11:30 da mañá até pasadas a unha e media da tarde, até que foron atendidos polo “superdelegado” da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, quen lles trasladou que a administración “non ten alternativas para evitar o peche da planta”. Segundo explicou o responsábel de CIG-Mar, Xabier Aboi, Tourís asegurou que ningún empresario ou asociación de empresarios do sector cos que mantivo contacto amosou interese en facerse coa planta de elaborados de Galfrío, a pesar das perfectas condicións das instalacións.

Non obstante, Aboi foi moi crítico coa actitude da Xunta, xa que, indicou, dende que o venres pasado acadaran o compromiso da delegada de Vigo para iniciar unha rolda de contactos co obxecto de buscar socios ou posíbeis compradores, “as xestións non se realizaron até que nos volvemos pechar esta mañá na delegación”. “O PP, unha vez máis, volve subestimar os traballadores”, lamentou o responsábel de CIG-Mar.

Neste senso, Aboi lembrou que os traballadores/as de Galfrío xa levaron a cabo mobilizacións no edificio da Xunta en Pontevedra, de onde foron remitidos á “superdelegada” de Vigo, “para que finalmente tivera que ser Tourís o que se pasara a mañá de hoxe facendo chamadas” logo das presións dos traballadores/as e representantes sindicais.

Aboi tamén indicou que o vindeiro xoves 11 de xuño manterán unha nova xuntanza coa dirección da empresa, dentro do período de negociacións do ERE, e estudarán levar a cabo novas mobilizacións para reclamar unha solución que permita manter os postos de traballo.

cig.prensa@galizacig.com