marco
Compostela, 9/7/2009
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Mobilizacións da CIG en Caixa Galicia e no BBVA en defensa dos postos de traballo

Ambas entidades teñen iniciado duros procesos de reestruturación
Delegados e delegadas da CIG mobilizáronse na mañá do 9 de xullo diante da oficina principal de Caixa Galicia e BBVA en A Coruña, para protestar contra os procesos de reconversión que están a levar a cabo as entidades financeiras. Proceso que ten ocasionado o peche de ducias de centros de traballo e a destrución de centos de empregos no noso País.

O pasado mércores 8 de xuño o Parlamento español aprobaba o “decretazo” do PSOE de reconversión do sistema financeiro co apoio do Partido Popular; ao día seguinte delegados e delegadas da CIG concentrábanse nas sedes da Caixa Galicia e do BBVA en A Coruña, unha caixa e un banco que teñen afondado en duros procesos de reestruturación.

Ás 11:00 da mañá medio cento de delegados/as mobilizábanse na Rúa Nova ante a sede da Caixa de Aforros nunha ruidosa concentración que tiña como fin protestar contra o peche de máis de 105 oficinas, o desmantelamento de departamentos de servizos centrais, das equipas de substitucións (que cobren as baixas e vacacións), o despido do persoal temporal, a amortización de postos de traballo por xubilacións e contra os recortes salariais e en materia de seguridade e saúde laboral.

Por volta das 12:00 horas, os sindicalistas desprazábanse até o Cantón Pequeno, onde ten a sede galega o BBVA, continuando coas mobilizacións iniciadas pola CIG-Banca nesta entidade no 2008. Dende aquela xa se destruíron 140 postos de traballo no País, e 2.000 no Estado.

Dende a CIG-Banca explican que a empresa está deslocalizando cara a empresas subcontratadas en Andalucía e Perú parte da carga que se realizaba na rede galega.

As mobilizacións desenvolvidas na cidade de A Coruña veñen a continuar o calendario de protestas iniciado pola Federación da Banca da CIG en contra do proceso de reconversión iniciado polas entidades financeiras.

Pincha aquí para ver o vídeo da protesta diante do BBVA.