Os empregados/as concentraranse a partir das 7.45 horas do vindeiro luns diante do edificio do antigo cine Fraga, na rúa Uruguai número 3 esquina con Isabel II, onde se están a realizar os traballos de construción do futuro teatro-auditorio de Caixa Galicia. As principais reivindicacións pasan por esixir o cumprimento dos contratos subscritos cos traballadores despedidos, xornada laboral de oito horas, formación e información en materia preventiva e cese da imposición de condicións discriminatorias aos operarios estranxeiros.
Neste senso, a central nacionalista explica que a propia Inspección de Traballo recoñece que a xornada neste centro de traballo chega até as 10 horas diarias. Dende a CIG indican que o horario é aínda máis abusivo nas subcontratas e que hai traballadores que están a cobrar entre 3 e 4 euros a hora e moitos deles fan até tres horas extras gratis.
Outra das queixas ten que ver co despedimento de oito traballadores por parte da adxudicataria dos traballos, Aldesa, mentres que unha das subcontratas, Paraxe, acaba de contratar 25 novos operarios en peores condicións. Esta compañía -ao igual que outra das súas subcontratas, a empresa portuguesa Moreira Sa Miranda- está a ofrecer salarios moi por debaixo do legalmente estipulado. A propia Inspección de Traballo constatou a existencia de até 12 compañías traballando na mesma obra, que empregan en total a preto de 80 traballadores/as.