Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 9/7/2010
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A CIG oponse ao proceso de privatización das Caixas e demanda un control público do sistema financeiro

A central nacionalista aposta por unhas entidades de aforros sociais e galegas
Dende o inicio do debate sobre o proceso de reestruturación das caixas de aforros, dende a Confederación Intersindical Galega denunciouse que estabamos ante un proceso de reconversión que tiña como obxectivo definitivo a privatización. A central advertía que tal e como fixo o PSOE hai 10 anos concentrando a banca pública no grupo Arxentaria para a súa posterior privatización, o proceso de concentración das Caixas por decreto tiña o mesmo obxectivo. As declaracións realizadas polo Presidente do Goberno sobre o decretazo que aprobará hoxe o Consello de Ministros, dando entrada ao capital privado nas caixas con dereitos políticos é unha privatización pura e dura. Así mesmo permitir que as caixas se convertan nunha fundación que poda transferir a xestión financeira a un banco é seguir o modelo italiano de privatización das entidades.

Hai que lembrar tamén que cando na década dos oitenta se produciu o proceso de descentralización administrativa do Estado, as Caixas formaron parte das competencias exclusivas das Comunidades Autónomas co fin de exercer o papel de banca local e polo tanto contribuír ao desenvolvemento económico nos seus territorios de orixe. A actual privatización cercena as competencias en materia económica e financeira de Galiza.

Control público dos sistemas financeiros

A crise económica actual ten a súa orixe nun control público insuficiente dos sistemas financeiros, nun deixar facer ás entidades por parte dos Estados e dos Bancos Centrais, no noso caso dun incompetente Banco de España.

A CIG aposta por un control público e democrático da economía e do sistema financeiro. No caso das caixas non debemos confundir o control público co control partidista exercido até o día de hoxe.

“É demagoxia que diga que o problema principal é a presencia dos políticos nos Consellos de Administración quen tomou ao asalto os órganos de goberno das Caixas Galegas, se opuxo a lei de Caixas do Parlamento de Galiza e quere un período de transición para asegurarse que altos cargos públicos do PSOE continúen no Consello de Administración da nova entidade, nomeadamente Mar Barcón, Salvador Fernández Moreda ou Clemente Orozco. Si realmente creen que a súa presenza nos órganos de goberno é o problema deberían presentar a súa dimisión de xeito inmediato”, denuncia o Secretario Nacional da Federación de Banca da CIG, Clodomiro Montero.

Decretazo económico e social

En definitiva, atopámonos ante un novo decretazo económico e social na liña do plan de axuste e da contrarreforma laboral que responde á unha visión antidemocrática da economía guiado polos extremismo ultraliberal do FMI e da UE que levan anos pedindo a privatización das Caixas de Aforros, un suculento bocado para os especuladores internacionais e a gran banca. Unhas entidades que naceron para favorecer a inclusión financeira das clases populares fronte a usura da gran banca, rematan privatizadas e en mans da mesma.

Dende a CIG faise un chamamento á sociedade galega para defender o noso maior patrimonio empresarial: as Caixas son as maiores empresas de Galiza. Non podemos permitir que paguemos entre todos e todas o seu saneamento con recursos públicos para ser privatizadas, é dicir entregadas aos de sempre: aos empresarios amigos dos partidos de goberno.

cig.prensa@galizacig.com