Diante disto, os afectados decidiron levantar o campamento, aínda que as mobilizacións de protesta continúan a diario diante das instalacións da empresa. Onte xoves levouse a cabo unha nova concentración nas portas de compañía entre as dúas e as catro da tarde. Con anterioridade desenvolvéronse distintos actos reivindicativos, cunha xornada de folga incluída. Dende a CIG adiantaron que están estudando xa convocar novas mobilizacións.
O paro chegou despois das protestas que dende a semana pasada se veñen producindo diante das instalacións que a empresa aeronáutica posúe no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas. A dirección de Coasa, empresa do Grupo Aernova que conta cuns 300 empregados/as, pretende tamén seguir adiante coa súa intención de flexibilizar a xornada laboral a pesar da oposición da ampla maioría do plantel.
Dende a central nacionalista explican que o ERE presentado supón “unha auténtica chantaxe” xa que a empresa pretendía esgrimir nun principio a flexibilización da xornada como único xeito de evitalo. Diante disto, os representantes da central nacionalista néganse a negociar calquera flexibilización ou intento de despido ao entender que non existe xustificación algunha. “Polos datos que temos sabemos que a compañía non só non está a ter perdas, senón que segue a gañar cartos”, indica Alberto Gonçalves, secretario nacional da Federación de Químicas e Enerxía.