Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 9/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

A protesta das traballadoras de Mafecco coincidiu ás portas do Concello da Coruña coa cacerolada convocada polo colectivo de transportistas, mensaxeiros/as e repartidores/as.

As traballadoras de Mafecco esixen a implicación urxente das administracións para evitar os despedimentos e a deslocalización

Realizaron unha protesta ás portas do Concello da Coruña, coincidindo coa celebración do pleno municipal no que o PP vetou o debate dunha moción de apoio presentada polo BNG
As traballadoras de Mafecco continuaron este luns o seu calendario de mobilizacións contra o expediente de extinción de contratos para 42 empregadas e a deslocalización da cadea de fabricación, cunha protesta ás portas do Concello da Coruña, a través da que queren esixir a implicación urxente da administración local e do Goberno galego. A acción reivindicativa realizouse aproveitando a celebración da sesión plenaria, na que o PP vetou o debate da moción presentada polo BNG en defensa dos empregos, ao tempo que presentou no último momento a súa propia moción, que dende o Comité tacharon de “mera declaración de intencións”.

As traballadoras afectadas polo ERE de extinción, que teñen convocada folga durante toda esta semana, realizaron unha concentración diante do Pazo de María Pita, onde coincidiron co colectivo de transportistas e repartidores da cidade, que tamén levaron até o Concello as súas reivindicacións cunha cacerolada.

Unha representación das traballadoras asistiron ao Pleno municipal para escoitar o debate da moción en defensa dos empregos que presentou o BNG, pero que finalmente non foi abordada xa que o PP vetou o seu debate. Nese momento, as traballadoras decidiron abandonar o salón de plenos ao berro de “así defende os postos de traballo este goberno”. Ao mesmo tempo, o Grupo Popular presentou a súa propia moción –da que informou ao persoal xusto antes de iniciarse o pleno- e que a responsábel do téxtil da CIG, Dores Martínez Castelo, cualificou de “simple declaración de intencións”.

Fronte a isto, o Comité de Mafecco e a CIG reclaman a intervención urxente tanto das administracións municipais como da Xunta de Galiza na defensa dos postos de traballo, especialmente tendo en conta que o vindeiro xoves remata o período de consultas e a partir de entón, grazas as facilidades introducidas pola reforma laboral do PP, a empresa xa poderá comezar a entregar as cartas de despedimento.

A este respecto, Martínez Castelo lamentou que o Goberno galego pretenda desentenderse deste conflito alegando que xa non ten ningunha competencia directa na autorización ou desestimación dos EREs. “Se isto é así é porque os defensores da reforma laboral así o quixeron e así o aprobaron, porque coa reforma laboral danse por autorizados todos os expedientes de regulación de emprego”, censurou.

Chantaxe da empresa

Durante a concentración, Martínez, volveu denunciar que a dirección está a abordar o período de consultas como un “mero trámite para cubrir o expediente”, mais en ningún momento amosou vontade algunha de negociar outras alternativas ás extincións dos contratos.

Martínez Castelo puntualizou que até o momento non se teñen producido avances nas negociacións entre as partes, xa que a única oferta presentada pola empresa limitouse a rebaixar en dous o número de despedimentos, a pasar de 20 a 22 os días para calcular as indemnizacións e garantías do cobro inmediato das compensacións. Para a representantes sindical esta proposta é unha “chantaxe” por parte da dirección, xa que, ademais de resultar ridícula, o seu cumprimento está vinculado á sinatura de acordo para o ERE.

A sinatura deste acordo, matiza, só favorecería á empresa posto que elimina a posibilidade de presentar reclamación posterior do persoal contra o ERE pola vía xudicial (a única que lle queda ás traballadoras logo da eliminación da autorización administrativa dos expedientes de regulación).

Deslocalizacións subvencionadas

Dende o Comité valoran que os despedimentos non son unha solución aos problemas que poida ter a fábrica de Sabón, xa que a empresa continúa tendo carga de traballo e mesmo as traballadoras tiveron que mudar o calendario de vacacións para poder sacar adiante os pedidos. “O obxectivo é a deslocalización da produción”, denuncian, “e así o demostra o feito de que maioría do persoal afectado polo ERE está ligado á cadea de fabricación. Se non ten pensado reducir o volume de fabricación, tal e como di na memoria explicativa, queda claro que é porque vai confección fóra da fábrica”.

A este respecto, Dores Martinez quixo remarcar que os procesos de deslocalización do sector téxtil estanse realizando non só cun elevado custe laboral, senón tamén con cartos públicos. “Sobre esta cuestión queremos facer unha chamada de atención ás institucións públicas, empezando polas municipais e continuando pola Xunta, que non só están deixando na estacada os postos de traballo, senón que ademais se están subvencionando con cartos de todos os galegos e galegas a deslocalización da produción”, lamentou

cig.prensa@galizacig.com