Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
Compostela, 9/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Comeza a folga en Campiñas de Laiño, Refojo y González e Hipescar

O cadro de persoal en pleno sumouse á convocatoria
O persoal de Campiñas de Laiño, Refojo y González e Hipescar comezou este luns a folga convocada en demanda das pagas que se lles adebedan, da readmisión do persoal despedido e de información sobre a situación económica do grupo. A xornada comezou cunha concentración diante da nave en Imo e continuou con concentracións diante dos Hipescar de Santiago e Bertamiráns, ás que se sumou voluntariamente o persoal destes centros de venda. Deste xeito, o persoal en pleno, agás o de administración con relacións familiares coa dirección empresarial do grupo, sumouse á folga e a actividade quedou completamente paralizada.

O comezo da folga estaba previsto inicialmente para o pasado luns día 2 de xullo, pero tras facerse o anuncio público, e antes desa data, a empresa abonou unha das pagas atrasadas. Ante isto e en asemblea, o persoal acordou atrasar a súa convocatoria até este luns, condicionando a súa efectivización á readmisión do persoal despedido. Ao non producirse ningún avance neste aspecto, este luns daba comezo a primeira xornada de folga, tal e como estaba previsto, tras varias semanas de mobilización.

A maioría do persoal destas empresas ten pendentes os cobros de dúas pagas extra. Porén descoñece cal é a situación económica na que se atopa o grupo. De feito, dúas destas empresas presentaron concurso de acredores, sen informar do asunto ao cadro de persoal e sen explicar as posíbeis consecuencias que isto pode ter no plano laboral.

Con todo, consideran de especial gravidade os despedimentos, que afectaron ás persoas electas como representantes en asemblea conxunta de traballadores e traballadoras das tres empresas, tras revocar aos anteriores, e a outras catro persoas acusadas der ter informado á CIG da situación laboral na que se atopaban.

Grupo empresarial

Para a central sindical non cabe dúbida de que estas tres empresas conforman un Grupo empresarial e que, polo tanto, non se poden considerar conflitos separados, senón un só, xa que as funcións do persoal están mesturadas, hai confusión patrimonial, os administradores das empresas coinciden e os xefes exercen como tal, indistintamente en cada unha das empresas. De feito, hai traballadores/as que non sabe en que empresa está dada de alta, independentemente de que traballen nunha empresa ou noutra.

Inácio Pavón, da FGAMT-CIG agarda que tras do éxito acadado con esta primeira xornada de folga o grupo recapacite, readmita ás persoas despedidas, pague os atrasos e informe debidamente da actual situación económica.

cig.prensa@galizacig.com