Portada
Temas
Confederal
Sectores
Entrevistas
Opinion
Multimedia
Contacta
 
A Coruña, 9/7/2012
Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Miles de persoas maniféstanse en Viveiro en defensa dos postos de traballo en Alcoa e a reindustrialización da comarca

A CIG-Metal reclama á multinacional do aluminio garantías de mantemento e a calidade dos empregos e alerta do desmantelamento industrial que padece a Mariña
Arredor de 4.000 persoas participaron o pasado venres na manifestación convocada polo Comité de Alcoa-San Cibrao en defensa de postos de traballo de calidade e a reindustrilización da comarca da Mariña. A marcha contou co apoio de centos de veciños/as da contorna e tamén do comercio local, que pechou as súas portas durante o tempo que durou o percorrido.

Coa manifestación quíxose demandar a continuidade das instalacións de Alcoa na Mariña, xa que o sector do aluminio se ten convertido nun piar básico da economía da comarca, do que dependen miles de empregos. Nestes senso, o Secretario comarcal da CIG-Metal, Antón González, defendeu o mantemento do postos de traballo de calidade na factoría “sen aplicación da reforma laboral”, así como a reindustrialización da zona “porque estamos perdendo sectores produtivos básicos, como o forestal”.

En canto á demanda dunha tarifa eléctrica máis barata para a multinacional, o responsábel sindical matizou que, aínda que o prezo da enerxía representa unha parte importante dos custes de Alcoa, esta cuestión forma parte das responsabilidades de xestión e é a propia empresa a que ten que negociar coas administracións, polo que non debería terse convertido na principal reivindicación a defender por parte do persoal.

Fronte a isto, González si reclamou que se garanta por parte do Grupo a continuidade da actividade industrial e os postos de traballo da fábrica mariñá e alertou das posíbeis pretensións da multinacional de deslocalizar a produción a outras factorías que ten en Europa e Arabia Saudita. Algo do que vén advertindo tamén a Sección Sindical da CIG en Alcoa Inespal, que se negou a asinar o acordo do expediente de regulación temporal para a planta coruñesa por non recoñecer ningunha das causas alegadas pola empresa e ante o temor de que o ERE temporal se converta en extintivo.

A este respecto, o Secretario da CIG-Metal en Lugo-A Mariña tamén se amosou os seus temores ante a posibilidade de que a empresa pretenda levar adiante o peche das instalacións da Coruña e Avilés ofertando recolocacións en inferiores condicións na fábrica de San Cibrao, en postos que agora están ocupados por persoal de auxiliares. De darse esta circunstancia, sinala, isto viría agravar os problemas de desemprego que vive a comarca, ademais de supor unha considerábel perda de calidade dos empregos, e sen garantías tampouco da continuidade dos mesmos a medio e longo prazo.

Cómpre lembrar que a central sindical soubo que se estaba tratando de encargar un estudo para saber o impacto social e económico que tería nesas comarcas o peche das plantas. Ante esa información solicitáronse entrevistas, tanto nunha planta como na outra nas que se confirmou esta información. E, de feito, no decurso dun debate en sede parlamentaria, tanto o Presidente da Xunta como o conselleiro de Industria recoñeceron que eles xa tiñan datos de que a intención da empresa era pechar.

cig.prensa@galizacig.com