O berro de "112 solución" volveu escoitarse nas rúas de Compostela o martes 9 de setembro desde ás 11.30 da mañá, cando os primeiros traballadores e traballadoras do servizo de emerxencias 112 de Galiza comezaban a chegar á mobilización convocada fronte ao Parlamento Galego.
No Hórreo, Isabel Moares, presidenta do Comité de Empresa do 112 de Galiza, portaba as 4.163 sinaturas recollidas ao longo dos últimos meses e informaba que estes apoios "se foron recollendo ao longo destes últimos meses por diferentes pobos e cidades de Galiza. Tamén penduramos faixas por distintas zonas do país coa intención de explicar á cidadanía de explicar cal era a situación coa que nos atopamos, para presionar á Administración para que tome cartas no asunto e solucione dunha vez o problema".
Marcha polas rúas de Compostela
Pouco despois das once e media comezaba esta marcha polo centro de Compostela, onde os berros de "A solución negociación", "112 equiparación" ou "Xunta culpábel" foron continuos, asi como o reparto de información á cidadanía para dar a coñecer este conflito laboral, no que se veñen mobilizando desde hai máis dun ano.
Entrega de sinaturas
A manifestación rematou fronte ás portas de San Caetano, o edificio administrativo da Xunta de Galiza, onde se fixeron entrega destas máis de 4.000 sinaturas.
Á saíde, Isabel Moares, presidenta do Comité de Empresa do 112 de Galiza, ofreceu unha rolda de prensa na que sinalou que "nós o que queremos é a subrogación, unha consolidación dunhas cantidades económicas, e que se regulen dalgún xeito os buscas, que son unhas gardas non retribuidas, nas que temos que estar localizábeis a menos dunha hora do centro de traballo".
Continuarán as mobilizacións
Moares subliñou que "está claro que nós non imos parar as mobilizacións até conseguir as nosas reivindicacións, e como estamos nun ano moi sensíbel para os políticos, xa que estamos en período electoral, iremos intensificando as nosas accións".
A presidenta do Comité manifestou que "cremos que para un servizo tan sensíbel como o 112 a experiencia é un grao moi importante polo que a subrogación sería o básico, para poder asegurar o noso traballo e para ter un servizo o máis eficiente e útil para todos e todas".
Demandan retribucións máis xustas e máis persoal
Moares explicou que "a nós se nos aplica o convenio de telemarketing, e non é o axustado para o noso traballo porque nas nosas máns está unha responsabilidade moi grande, chegando a ter a vida de moitas persoas doutro lado do teléfono, e iso dalgunha maneira haino que compensar, polo que reclamamos algún tipo de cantidade económica, xa que o convenio que se nos aplica é moi precario".
Por último, esta traballadora do 112 demandou que "se aumente o persoal, para poder ter quendas completas, en caso de que xurda algunha emerxencia imprevista que se poda solucionar sen problemas; que a cuestión é que se soluciona igual pero sobre o sobreesforzo dos compañeiros e compañeiras que traballamos neste servizo".