29/7/2009
CIG-Ensino denuncia que a Consellaría está a chamar ao profesorado por teléfono para comunicarlle o cambio de centro
A CIG-Ensino quere denunciar o abuso e desconsideración da Consellaría da Educación co profesorado e alumnado do CIFP Politécnico (antes IES Monte de Conxo) de Santiago ao eliminar o bacharelato nocturno sen negociar, nin publicar no DOG a supresión destas unidades, malia o compromiso da anterior Consellaría de manter este bacharelato.
28/7/2009
CIG-Ensino critica que sexa unha empresa privada a que este a tratar os datos da consulta
A CIG-Ensino considera que estamos ante a culminación do proceso fraudulento iniciado pola Consellaría de Educación co único propósito de reducir a presenza do noso idioma no ensino. A CIG-Ensino veu denunciando ao longo das últimas semanas a tendenciosidade da Consellaría de Educación ao iniciar un proceso de consulta aos pais, preparado e precociñado para que o seu resultado lle permitise á Consellaría proceder á modificación do Decreto 124 nunha única dirección, a de reducir a presenza do noso idioma nas aulas, por tanto reducir o número de materias a impartir en galego.
23/7/2009
CIG-Ensino exixe unha relación dos postos que a administración acaba de declarar suprimidos
A Consellaría de Educación non publicou, até o momento, as vacantes provisionais para adxudicar destino provisional, para o curso 2009-2010, tanto ao profesorado do corpo de mestres como dos distintos corpos de Secundaria. Ademais, Educación aínda está comunicando nesta semana ao profesorado afectado pola redución de unidades, a supresión do seu posto de traballo. Desde a CIG-Ensino quérese denunciar o atraso e incumprimento dos prazos por parte da Consellaría, que seguramente se deba á pretensión da supresión de numerosos postos de traballo que está a levar a cabo no corpo de Mestres.
16/7/2009
Remitiron un escrito á Consellaría de Educación reclamando a negociación das novas instrucións na Mesa Sectorial
O conxunto das organizacións sindicais con presenza na Mesa Sectorial de Educación vén de sumarse as protestas da CIG en contra da circular remitida pola Consellaría ás Escolas Oficiais de Idiomas e que suporá un retroceso na calidade do ensino e das condicións de traballo do profesorado. Así, as cinco organizacións presentes na Mesa, CIG, CCOO, UGT, ANPE e STEG veñen de entregar un escrito á administración exixindo a retirada da circular.
15/7/2009
Non descarta convocar mobilizacións nos centros
A Federación do Ensino da CIG presentou un recurso de reposición en contra da circular da Consellaría de Educación para as Escolas Oficiais de Idiomas, xa que esta vai supor unha redución da oferta educativa e do profesorado, significando polo tanto un empeoramento na calidade do ensino. A circular publicouse sen ser negociada na Mesa Sectorial e contén instrución contrarias ao actual decreto que fixa os regulamentos dos centros docentes.
13/7/2009
A CIG-Ensino exixiu á retirada da circular sobre organización académica e anunciou que tomará medidas
A Consellaría de Educación vén de enviar por correo electrónico ás Escolas Oficiais de Idiomas unha circular na que se ditan instrucións sobre o procedemento de admisión e matrícula e organización académica nas escolas oficiais de idiomas para o curso 2009/2010. Esta Circular ven a substituír a circular 10/2004, negociada na Mesa Sectorial no ano 2004 (Consellaría tamén gobernada polo Partido Popular) e sobre a cal as Escolas Oficiais de Idiomas xa estaban organizando o próximo curso por indicación das propia inspección educativa.
10/7/2009
Critica que a Consellaría de Educación teña excluído á CIG e lamenta que as OOSS aproben a supresión de 150 unidades
A CIG-Ensino rexeitou novamente o acordo sobre o agrupamento de alumnado de diferentes cursos, ciclos e etapas e anunciou que vai impugnar o acordo asinado, por non se axustar ao negociado na Mesa Sectorial, estabelecendo unha serie de competencias para a comisión de seguimento que ten como único obxecto excluír a CIG-Ensino de futuras negociacións, e, polo tanto, a un 40% do profesorado. Neste senso, dende a Federación do Ensino criticaron que a Consellaría estivera a manter negociacións cos outros sindicatos, á marxe da Mesa, co único obxectivo de sacar adiante un acordo que vai supor a supresión de 150 unidades escolares.