1/6/2009
O propietario da empresa é o voceiro do PP nesta localidade
Arredor de 30 traballadores/as de VIPROGA e
delegados/as da CIG-Servizos de Compostela concentráronse o pasado 29 de maio
diante do Concello de Camariñas, onde tiña lugar unha sesión plenaria da
Corporación. O persoal da empresa de vixilancia privada trasladouse até esta
localidade para reclamar ao propietario da mesma, e voceiro do PP en Camariñas,
o pago das dúas mensualidades que aínda adebeda a uns 50 empregados.
28/5/2009
O martes 2 de xuño, ás 12:00 horas, diante da Subdelegación do Goberno de Ourense
A CIG de Verín fixo un chamamento a todos os
afiliados e afiliadas a participar na concentración convocada o vindeiro martes
2 de xuño, ás 12:00 horas, diante da Subdelegación do Goberno de Ourense. O
obxecto da mobilización é amosar a solidariedade cos compañeiros/as que
traballan no Concello de Rairiz de Veiga e rexeitar a actitude de “discriminación,
intransixencia e desprezo absoluto aos dereitos dos traballadores/as” amosada
polo rexedor local.
28/5/2009
Solicitan á administración que “mire con lupa” o ERE presentado pola empresa
Traballadores/as de Ingemarga concentráronse
na mañá do 27 de maio diante dos edificios da Xunta en Lugo en contra do ERE
presentado pola empresa e que suporá o despedimento de case a metade do persoal
da fábrica que o grupo vasco ten en Guitiriz. Practicamente a totalidade do cadro de
persoal, acompañado de representantes sindicais, secundaron a protesta a través
da que pretenden amosar o seu total rexeitamento ao expediente de regulación na
empresa e reiteraron que non van negociar “nin un só despedimento”.
27/5/2009
A dirección negouse novamente a entregar unha parte da documentación reclamada polos traballadores/as
As traballadoras e traballadores de Caramelo desenvolveron
a segunda xornada de folga consecutiva na fábrica de A Grela e continuaron coas
protestas pola cidade de A Coruña, logo do fracaso da reunión mantida coa
dirección da empresa, na que novamente se negaron a entregar unha parte da
documentación solicitada polos representantes dos traballadores/as. O persoal
concentrouse diante da Fundación María José Jove e manifestouse até a tenda de
Caramelo situada en Catro Camiños para rexeitar, unha vez máis, un ERE que
cualifican de “fraude” e que suporá o despedimento de 237 persoas na fábrica
coruñesa.
26/5/2009
Rexeitan o ERE “inxustificado” presentado pola empresa e preparan novas mobilizacións
Os traballadores e as traballadoras de
Ingemarga concentraranse o vindeiro mércores 27 de maio ás 12:00 horas diante do edificio
administrativo da Xunta en Lugo como medida de protesta contra o ERE presentado
pola empresa e que afectará a máis do 40% do cadro de persoal da planta de
Guitiriz. A medida enmárcase dentro do calendario de mobilizacións establecido
polos traballadores/as que tamén secundarán paros parciais na fábrica e teñen
previsto desenvolver unha manifestación o vindeiro 13 de xuño.
26/5/2009
As centrais sindicais convocan unha concentración o mércores 3 de xuño, ás 12:00 horas, diante da Xunta
A CIG-Ensino, xunto coas demais organizacións
sindicais con representación na Mesa Sectorial de Ensino non Universitario,
abandonaron a reunión ante a negativa da Consellaría de Educación de retirar a
circular sobre o agrupamento de alumnos de distintos cursos ou ciclos nunha
aula. As organizacións sindicais acordaron emitir resolucións das Xuntas de
Persoal das catro provincias e convocar unha concentración de delegados/as do
ensino público o mércores 3 de xuño diante dos edificios de San Caetano.
26/5/2009
Un traballador faleceu o pasado venres 22 de maio ao caer da estada dunha obra
Como ven sendo habitual sempre que ten lugar na comarca de A Mariña un fatídico accidente laboral que remata coa morte dun traballador/a, e con motivo do lamentábel suceso acaecido o pasado venres 22 de maio nunha obra do Concello de Burela, que lle custou a vida ao traballador da construción J.G.B., de 43 anos de idade, a CIG-A Mariña levou a cabo unha concentración silenciosa en mostra de solidariedade co finado, a súa familia e os seus compañeiros/as de traballo.